16 de nov. de 2020

TURISMO

A Deputación de Pontevedra destinará preto de 200.000 € para unha "potente campaña de comunicación e promoción turística" no 2021  

Carmela Silva: "Estamos nun momento moi complicado para o sector pero queremos ser optimistas e poñer todo en marcha, adiantarnos para telo todo preparado" 

 

                          Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra

Infogauda / Pontevedra

  Consciente de que "estamos nun momento moi complicado para o sector turístico" pero tamén "optimista, vendo que parece que vai haber vacinas", a presidenta da Deputación de Pontevedra anunciou esta mañá a aprobación do proceso de contratación do servizo de xestión integral da campaña anual de comunicación e promoción turística do destino Rías Baixas 2021 que terá un investimento de 200.000 €. "Queremos ter todo en marcha -dixo Carmela Silva- adiantarnos e avanzar rápido para estar preparadas e preparados". Por todo elo, engadiu a presidenta, "prevemos ata tres prórrogas  -do contrato - que supoñen a posta en marcha dun proxecto de máis de 780.000 € para a promoción turística nos próximos catro anos".

  A campaña terá en conta "o novo escenario" e a situación do sector turístico. Deste xeito, para o 2021, a acción promocional centrarase en mercados de proximidade e na captación de turistas e visitantes "da Península Ibérica xa que somos moi conscientes –asegurou Silva- de que aínda estamos nunha situación complicada e seguramente as persoas que se acheguen ata a provincia proveñan de Galicia, do resto de España e Portugal".

  Durante o 2021 a campaña de comunicación e promoción turística apostará pola difusión do destino provincia de Pontevedra e os seus recursos turísticos mediante "accións dirixidas á desestacionalización". Máis polo miúdo, a presidenta detallou que as actividades promocionais estarán "moi centradas na natureza, no patrimonio e na vida saudable, que serán as temáticas máis relevantes porque é o que están solicitando as e os visitantes, son as demandas reais despois de ter vivido unha situación de pandemia". Deste xeito, para poder divulgar estes fitos, a Deputación apostará o vindeiro ano por empregar medios online e offline, "ao igual que fixemos neste 2020 e que nos permitiu acadar máis de 24 millóns de impactos".  Tamén está previsto que mediante esta contratación se realice un proceso de avaliación da campaña promocional  "que permitirá mellorar os resultados no marco do noso obxectivo de eficacia, eficiencia e boas prácticas de actuación".

Ningún comentario:

Publicar un comentario