11 de nov. de 2020

PONTEVEDRA

ABERTO O PRAZO PARA PARTICIPAR NO PREMIO DE ‘MICROTEATRO DA MEMORIA’ 

 A convocatoria é aberta e libre e o premio ascende a 500 euros   As bases poden consultarse en www.depo.gal

 


Infogauda / Pontevedra 

 A Deputación de Pontevedra, en colaboración coa Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD), vén de abrir hoxe o prazo para participar na primeira edición do premio de ‘Microteatro da Memoria’. O certame, segundo explica a deputada María Ortega, pretende reflexionar sobre a memoria histórica a través de propostas dramáticas en formato breve de microteatro, abrindo un espazo paraque a dramaturxia visibilice unha temática ás veces esquecida.  

 As bases para participar están dispoñibles dende hoxe na web da Deputación (depo.gal) e da ESAD. Poderá presentarse calquera persoa que así o desexe, achegando pezas curtas (cunha extensión máxima de 20 folios a unha cara), de estilo libre e en lingua galega. O premio único está dotado de 500 euros.   

 O prazo de presentación é dun mes natural contado dende hoxe ata ás 00:00 do último día, debendo realizar entrega telemática ao correo electrónico esad.galicia@edu.xunta.es co asunto ‘Microteatro da memoria’. No mail deberán presentarse dous documentos: o primeiro arquivo deberá ir nomeado como ‘peza’ xunto ao título e ao pseudónimo, e un segundo arquivo como ‘plica ’xunto ao lema e/ou pseudónimo incorporando no contido os datos persoais (nome completo, enderezo, teléfono e correo electrónico).  

 O xurado estará conformado pola coordinadora de Normalización Lingüística da ESAD, unha persoa docente da ESAD e unha persoa que designe a Deputación. O certame, a través das entidades que o organizan, posuirá os dereitos da autoría para uso escénico no ano seguinte ao de saber a gañadora ou gañador, sempre no ámbito académico e sen prexuizo de outras cesións de uso.

Ningún comentario:

Publicar un comentario