O Goberno Municipal do Concello do Rosal agradece a colaboración e compromiso amosados pola delegada territorial da Xunta
Sanidade, infraestruturas e seguridade vial, dependencia e transporte público, centraron a primeira xuntanza de traballo entre a alcaldesa, Ánxela Fernández, e Luisa Piñeiro
A alcaldesa -a esquerda da imaxe - e membros do Goberno municipal, coa delegada territorial da Xunta en Pontevedra, no decurso da visita institucional desta mañá, ao Concello do Rosal
Foto: C.O.R.
Infogauda / O Rosal
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, e membros do goberno local, mantiveron esta mañá a primeira visita institucional coa delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, na que se expuxeron as peticións e demandas da veciñanza con respecto ao executivo autonómico. Luisa Piñeiro garantiu a colaboración da Xunta co concello rosaleiro e comprometeuse a realizar de inmediato as primeiras xestións sobre os temas máis urxentes e a manter un contacto periódico coo Concello do Rosal.
Durante a reunión, o equipo de goberno local trasladou á delegada territorial as solicitudes de investimentos e actuacións relacionadas co eido sanitario, con infraestruturas e seguridade vial, con dependencia e servizos sociais e co transporte de viaxeiros.
Así, analizouse a posibilidade de acometer unha senda peonil e a mellora da estrada PO-353, xa que no seu día fíxose o primeiro treito e quedan por acometer outros dous na contorna de Novás e Fornelos. Tamén se avaliou a posibilidade de incrementar os fondos para dependencia, aínda que esa cuestión depende da transferencia de recursos do Goberno central, e o reforzo das frecuencias de bus en quenda de mañá para a conexión coa bisbarra polas localidades da Guarda e Tomiño e tamén con Vigo, por cuestións hospitalarias.
A alcaldesa agradeceu a visita da delegada territorial e valorou o seu coñecemento do mundo municipal tras ser rexedora de Moraña durante unha década, e a representante autonómica anunciou un seguimento constante dos proxectos de interese para O Rosal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario