Arrancaron en Ribadavila, as obras de mellora nun tramo da rúa Calvario
Contan cun orzamento total 121.951,87€ IVE incluído
O alcalde e o concelleiro de Vías e Obras, supervisando o comezo das obras na rúa Calvario
Foto: C.A.G.
Infogauda / A Guarda
O equipo de Goberno Municipal vén de comunicar no día de hoxe que "o pasado mércores día 4 de novembro iniciáronse as obras de mellora da Rúa Calvario entre os números 48 e 73".
O alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz e o concelleiro de Vías e Obras, Miguel Ángel Español Otero, visitaron o arranque das obras xunto co aparellador municipal e técnicos da empresa adxudicataria, que xa comezou os traballos de retirada do vello firme asfáltico desta rúa no barrio de Ribadavila. Foi precisamente neses intres cando "voltou a saír á luz" a antigo pavimento de lousas de pedra, "que se tentarán recuperar para empregalas en parte destas obras de mellora", segundo afirman desde o Equipo de Goberno local.
"Esta actuación contará - indican as mesmas fontes - cunha parte central para a recollida de augas pluviais, substituíndo o pavimento existente por outro novo de pedra en continuidade cos tramos xa mellorados en fases anteriores nesta mesma rúa.
Executarase unha nova rede de abastecemento de auga, así coma a incorporación de bocas de incendios e a substitución da rede de augas pluviais e residuais, dispondo as novas acometidas a pozos e eliminado as acometidas que nestes intres non se poden controlar ou rexistrar.
O prazo de execución destas obras prolongarase ao longo duns 45 días, alternando o uso da rúa cando sexa posible, polo que se pide a máxima comprensión por parte dos veciños desta rúa.
Estas obras contan cun orzamento total 121.951,87€ IVE incluído con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra".
Ningún comentario:
Publicar un comentario