9 de nov. de 2020

TOMIÑO

O Concello de Tomiño ultima os pasos para o lanzamento da súa plataforma de venda en liña, ‘Atenda.gal’  

Agardan pola en marcha nas vindeiras semanas aproveitando a campaña de Nadal 


Infogauda / Tomiño

 O Equipo de Goberno Municipal do Concello de Tomiño está ultimando os últimos pasos para a posta en marcha da esperada plataforma de venda en liña para o comercio local, que levará o nome de ‘Atenda.gal’. Nun inicio espérase que a plataforma conte coa presenza de aproximadamente 20 comercios, aínda que posteriormente poida haber máis incorporacións.  

 A posta en marcha da plataforma espera poder aproveitar o impulso de partida que a campaña de Nadal vai proporcionar ao comercio local, ademais de aproveitar unha fiestra comercial nun momento no que unha nova reclusión domiciliaria é unha posibilidade a ter en conta, coas repercusións que isto ocasionaría nos negocios máis pequenos.  

 Para conseguir que a plataforma partise dunha base o máis sólida posible, o Concello de Tomiño organizou, a través do seu Departamento de Promoción Económica e Comercio Local, un plan de formación dos seus comerciantes para dotalos de ferramentas e coñecementos nas novas tecnoloxías dixitais. O programa, iniciado en maio de forma en liña debido á pandemia, contou coa axuda de varios formadores que proporcionaron aos comerciantes pautas sobre o uso de redes sociais, fortalecer a presenza en Google ou realización e edición de fotografías entre outros moitos temas.   

 Logo de finalizar o programa nas últimas semanas, os comerciantes cubriron unha enquisa de satisfacción sobre a formación recibida cuxos resultados permiten apreciar unha satisfacción moi maioritaria: O 85,8% deles consideraron que grazas á formación están bastante ou moito máis preparados para iniciarse na venda en liña dos seus produtos, ademais de amosar o 92,8% un grao de satisfacción co curso notable ou excelente.  

 A alcaldesa, Sandra González, valorou positivamente a experiencia. “Cremos que esta formación vai dar un impulso moi importante ao comercio local á hora de adentrarse na venda a través de internet e esperamos que pouco a pouco máis comercios se dean conta da oportunidade que supón a nova plataforma e se vaian sumando tamén”, afirmou.

Ningún comentario:

Publicar un comentario