O emprendemento galego aproba con nota en sostibilidade e innovación
O xurado do Pont-Up Exprés concedeu valoracións moi altas aos sete modelos de negocio que participaron nesta edición, destacando en todos eles a sostibilidade e a innovación como puntos fortes.
O talent business creado polo Pont-Up Store alcanzou nesta ocasión a súa máxima difusión ata o momento con máis de 5.000 reproducións e un alcance total que supera as 7.000 persoas.
Maríán Fernández Álvarez / Pontevedra
Aínda que a situación sanitaria obrigou a adiar á vindeira primavera as súas actividades presenciais, a covid-19 non está a impedir que o Pont-Up Store, o encontro do emprendemento promovido polo Campus Crea, co apoio da Concellería de Promoción Económica e Turismo e a Deputación de Pontevedra, continúe a desenvolver o seu programa de actividades. Tralos diferentes coloquios e seminarios que, de xeito virtual, tiveron lugar en setembro, nas datas inicialmente fixadas para a sétima edición do evento, na noite do pasado tivo lugar unha nova edición do talent business Pont-Up Exprés, unha iniciativa na que sete emprendedores dispuñan de cinco minutos para presentar os seus proxectos a un xurado integrado por catro representantes de importantes empresas e entidades galegas. Debido ás restriccións sanitarias, este encontro -dirixido a facilitar o diálogo entre as persoas emprendedoras e responsables de iniciativas xa consolidadas- desenvolveuse de xeito virtual, a través da canle de Youtube do Pont-Up Store. Na súa apertura, contou coas intervencións do director do Campus Crea e Green Campus, Carlos Souto; da concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco; e do director deste evento, o profesor Pedro Figueroa, quen presentou aos emprendementos participantes como “a Galicia resistente”.
Para esta edición, o comité organizador seleccionou sete startups galegas, THE GOOOD SHOP, unha tenda online multimarca de moda, accesorios e decoración producidos de forma ética, sostible e de proximidade; ANAINAS SKIN PEACE, unha firma de alta cosmética orgánica; VIVEGREENS, unha empresa que desenvolve cultivos hidropónicos en vertical e vende distintos tipos de microbrotes; ERTHA SURFBOARDS, unha aposta polo deseño, a fabricación e comercialización de artigos sostibles para o surf; SMARTWOOD, unha app deseñada como unha ferramenta orientada á mellora da productividade e o rendemento de explotacións agrícolas e forestais; VERSOS DE A RUDA, un obrador que fabrica e distribúe repostería fresca en racións; e O GALPÓN LAB, unha asociación sen ánimo de lucro de artistas emerxentes que nace para promover a creación artística e o intercambio cultural no ámbito pontevedrés. De analizar os seus modelos de negocio e achegarlles unha serie de recomendacións encargouse un xurado integrado por Margarita Hermo, directora da Asociación Galega de Empresa Familiar e responsable de relacións institucionais de Jealsa; Emilio Bruquetas, director xeral de Reganosa Holdco; Ángel González, presidente executivo de Setga, e Virginia Pozo, fundadora, CEO e directora creativa de Coosy.
En liñas xerais, o xurado alabou a sostibilidade, tanto social como ambiental que está no cuore dos sete emprendementos; e a innovación aplicada aos distintos modelos de negocio, aos que augurou un longo percorrido con grandes posibilidades de crecemento.
No caso de VERSOS DE A RUDA e VIVEGREENS, o xurado aconsellou diversificar e ampliar clientela, para dirixirse ao consumidor final, sobre todo neste momento no que a hostelería atravesa unha etapa complicada. ANAINAS e THE GOOOD SHOP anotaron como seguinte tratar de medrar ampliando catálogo e presenza comercial. ERTHA SURFBOARD foi alabada por exemplificar nas súas belísimas táboas recicladas o grande amor dos surfistas por un mar limpo e polo coidado ambiental en xeral. A apliación SMARTWOOD revelouse como a salvadora de todas as persoas que son incapaces de localizar as fincas que herdan e saiu da sesión co reto de facer os nosos montes produtivos ata acadar as porcentaxes de rendibilidade dos montes nórdicos; e para o GALPÓN LAB a recomendación foi abrirse a artistas de toda Galicia e usar todas as canles ao seu alcance para vender as súas obras a todo o mundo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario