17 de nov. de 2020

A GUARDA

O BNG  DA GUARDA DEMANDA UN INCREMENTO DA PARTIDA DESTINADA A EMERXENCIA SOCIAL DA ÁREA DE IGUALDADE

 

                                 Bea Lomba, concelleira do BNG na Guarda

BNG / A Guarda

 Neste 25 de Novembro atípico, o BNG da Guarda solicita medidas para paliar os efectos  da crise económica e social provocada polo COVID-19 nas vítimas de violencia machista.  

 Se temos en conta os datos de feminicidios cometidos nos últimos anos temos aínda moito traballo por facer. É imprescindible rachar co silencio e apostar pola sensibilización da sociedade e a prevención, desenvolvendo accións dirixidas  ao conxunto da sociedade sobre os danos provocados pola desigualdade e as condutas violentas.  

 A concelleira do BNG na Guarda Bea Lomba sinala: “Se ben é certo que temos dado pasos adiante como sociedade na visibilización das violencias machistas, fica moito por facer. Aínda que os datos oficiais indican un descenso no número de denuncias e tamén das ordes de protección, non podemos caer no erro de pensar que a situación mellorou. A realidade é que as mulleres conviven moito máis tempo cos seus agresores, moitas veces en situacións de precariedade económica que agravan aínda máis os problemas”.  

 Para o BNG é necesario dar unha resposta a esta situación de indefensión  e as novas situacións que xorden  polo COVID, e aumentar os recursos disponíbeis para lle facer fronte. 

 Por todo isto, neste 25 de Novembro atípico, o BNG da Guarda solicita medidas para paliar os efectos  da crise económica e social provocada polo COVID-19 nas vítimas de violencia machista, recollidas nunha moción onde se lle solicita o goberno local o incremento  da partida destinada a emerxencia social do CIM.  

 A proposta tamén recolle a reclamación á  Xunta de Galiza do incremento dos recursos económicos destinados especificamente a loitar contra a violencia machista no proxecto de orzamentos de 2021.     ,

Ningún comentario:

Publicar un comentario