6 de out. de 2020

O ROSAL

O Concello inaugurou a remodelación do acceso ao aparcamento Xulio Sesto  

Nas obras de mellora pavimentouse un acceso rodado e outro peonil, executáronse as canalizacións de augas pluviais e tamén as conducións eléctricas para dotar de iluminación a zona   

 

A alcaldesa do Concello do Rosal, Ánxela Fernández Callís e o concelleiro de Obras Germán Fernández Costas, no acceso ao aparcamento Xulio Sesto, que vén de ser inaugurado

Foto C.O.R.

 

Infogauda / O Rosal

 O Concello do Rosal acaba de inaugurar o novo acceso ao aparcamento Xulio Sesto tras as obras de remodelación, acondicionamento e urbanización acometidas nos últimos meses. Durante este tempo o Concello, a través da empresa adxudicataria, levou a cabo traballos de pavimentación da entrada para crear un acceso rodado e outro peonil, executou a canalización de augas pluviais e dotou das condicións eléctricas necesarias para dispoñer de iluminación na zona.  

 "O obxectivo destas actuacións era corrixir as deficiencias técnicas do proxecto inicial e paliar a problemática derivada do acondicionamento do aparcamento para que poida empregarse de forma normalizada, xa que ata o de agora non cumpría os requisitos mínimos necesarios para o seu uso sen prexuízo para a veciñanza residente nas inmediacións do acceso ao aparcamento, situado no núcleo urbano da vila", indicaron desde o Equipo de Goberno Municipal.

 A apertura do aparcamento Xulio Sesto permite dotar á Praza do Calvario e as súas inmediacións dun maior espazo para o estacionamento de vehículos.  

 O proxecto, elaborado pola área de Urbanismo do Concello do Rosal, contou cun orzamento de máis de 34.000 euros financiados a cargo do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.

Ningún comentario:

Publicar un comentario