2 de out. de 2020

O ROSAL

Unha sesión ‘filipante’ de contos para toda a familia, pistoletazo de saída da programación de outono do Rosal  

O espectáculo ‘Filipa cos contos’ chega este sábado 3 de outubro (11.00 horas) ao salón de exposicións

   

Para gañar espazo e poder manter as distancias de seguridade entre as persoas asistentes o contacontos muda da biblioteca ao salón de exposicións

 

Infogauda / O Rosal

 Os contacontos serán os protagonistas da primeira cita coa programación cultural de outono do Rosal. Este sábado 3 de outubro a compañía Bandullo Azul estará no salón de exposicións con ‘Filipa cos contos’, unha sesión filipante de contos para toda a familia. Historias tradicionais, contos populares, contos de autoras e autores galegos, contos inventados, cancións e música en directo, humor... e moita participación do público. 

 Será unha sesión de narración oral a dúas mans, xa que o actor e contador Fran subirá ao escenario acompañado dunha amiga moi especial, un monicreque chamado Filipa. Música, cancións, contos cantados... que se mesturan para ir captando a atención do público familiar e animalos a participar. 

 O contacontos, pensado para nenos e nenas a partir dos 4 anos, comezará ás 11.00 horas. Para gañar espazo e poder manter as distancias de seguridade entre as persoas asistentes o contacontos muda da biblioteca ao salón de exposicións.  

 ‘Filipa cos contos’ é a primeira das actividades de lecer para todos os públicos programadas para este outono no Rosal, unha vintena de propostas moi diversas para os meses de outubro e novembro entre as que hai música, circo, exposición, charlas ou visitas guiadas. Lémbrase por exemplo que xa está aberta a reserva de prazas para o concerto de Ses o vindeiro sábado 10 de outubro (21.00 h) a través da páxina web do Concello (https://portal.concellodorosal.es/reservas/concerto-de-ses/)ou vía telefónica chamando ao 986 62 50 00 ext. 4 para aquelas persoas que teñan dificultades para acceder de xeito electrónico.

Ningún comentario:

Publicar un comentario