30 de out. de 2020

O ROSAL

O Concello do Rosal súmase á APLU para velar polo uso correcto do territorio e a protección da paisaxe  

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e a alcaldesa asinaron o convenio de adhesión á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística  

 

A alcaldesa do Rosal asinou esta mañá xunto á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, e os rexedores dos concellos de Ames e Guitiriz a súa adhesión á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística

Foto: X.G.

 

Infogauda / O Rosal

 A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, asinou esta mañá xunto á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e os rexedores dos concellos de Ames e Guitiriz a súa adhesión á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), o que garante un correcto uso do territorio e a protección da paisaxe. Nestes intres 89 municipios galegos están adheridos a esta axencia.  

 A APLU ten por obxectivo velar pola legalidade urbanística e o control das posibles infraccións, sendo un ente que está ao servizo dos concellos para garantir a protección do territorio e o respecto á legalidade vixente. Ángeles Vázquez explicou que, en virtude destes convenios, os concellos delegan na APLU as competencias municipais de inspección, supervisión, sanción e restablecemento da legalidade urbanística relativas a obras que se executen sen licenza sempre que estean en solo rústico non urbanizable e solo urbanizable ou apto mentres non sexa aprobado o correspondente planeamento de desenvolvemento, e en núcleos rurais delimitados no PXOM. Por outro lado, a APLU transferirá ao concello un 10% do produto das multas coercitivas e sancións. 

 O obxectivo é seguir incorporando novos concellos a esta axencia e fomentar a colaboración cos concellos adheridos, xa que os resultados amosan que a actuación conxunta é sinónimo de éxito. A modo de exemplo, a conselleira argumentou que en 2019 -último balance completo dispoñible- baixaron o número de expedientes resoltos, o que denota un aumento da concienciación da poboación e un exercicio máis, o número de execucións subsidiarias, as realizadas polos particulares, foi dun 95%.

Ningún comentario:

Publicar un comentario