6 de out. de 2020

LABORAL

O persoal de Maderas Iglesias percorrerá as rúas de Vigo en manifestación no marco da súa loita en defensa do emprego 

A marcha a pé terá lugar este mércores día 7 a partir das 11:30 horas dende o cruzamento de Colón até a delegación da Xunta 

Infogauda / O Porriño

 O comité de empresa de Maderas Iglesias, compañía do Porriño dedicada á fabricación de tarima flotante que atravesa unha situación crítica, percorrerá as rúas de Vigo en manifestación este mércores día 7 de outubro no marco da loita que manteñen dende hai anos en defensa dos postos de traballo. A marcha a pé arrincará do cruzamento da rúa Colón ás 11:30 horas e rematará diante da delegación da Xunta para reclamar a implicación do Goberno galego na busca dunha solución definitiva que permita continuar coa actividade industrial. 

 Esta nova protesta prodúcese días despois da manifestación que tivo lugar o pasado xoves dende as instalacións da empresa até o Concello do Porriño e celebrarase unha vez que a representación do persoal segue sen ter novas da Xunta a pesar de que os responsábeis autonómicos se comprometeran a implicarse na problemática da empresa. “Continúan sen responder ás nosas peticións para manter unha xuntanza”, critican. 

 Por iso están a intensificar as mobilizacións e as xestións institucionais neste sentido. De feito, vense de aprobar unha moción no Concello do Porriño de apoio á loita das traballadoras/es de Maderas Iglesias, mentres que para este xoves hai fixada unha reunión entre o comité e todos os alcaldes das localidades nas que viven empregadas/as da compañía. 

 Ao mesmo tempo, o grupo parlamentario do BNG presentou dúas mocións instando a Xunta a implicarse na busca dunha solución, mentres que o PSOE anunciou que tamén fará xestións no mesmo sentido. “Do PP non sabemos nada”, sinalan dende o comité. 

 Lembran que cada vez queda menos tempo para atopar unha saída que permita o mantemento da actividade e de todos os postos de traballo, “xa que a empresa corre o risco de desaparecer no caso de que se publique no BOE a orde de poxa dos terreos decretada polo Xulgado de Instrución número 3 do Porriño”. A débeda da compañía, que aplicou nove ERE e na actualidade ten 18 dos 148 empregados/as en ERTE, coas entidades bancarias ascende a 28 millóns de euros. Ademais, continúa sen abonarlle ao cadro de persoal a paga extra de verán e a media de marzo pendentes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario