14 de out. de 2020

CULTURA

“ENTRE REDES”, DE AMALIA PUGA, ESTREARASE NA PLATAFORMA DE CINEMA FILMIN

· Con motivo da II Mostra Internacional d’Audiovisuals d’Artesania 

· Incluída nas actividades da IX Setmana d'Artesania de Catalunya 2020 - Edició Virtual, que celebrarase do 19 ao 25 de outubro de 2020

 

                                Amalia Puga Cividanes, deseñadora de producto

 

Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 Amalia Puga Cividanes, deseñadora de Camposancos e creadora do proxecto “Entre redes” coa Asociación de Redeiras Atalaia, de A Guarda,  vén de comunicar a Infogauda: Un espazo de información transfronteiriza, que con motivo da IX Setmana d'Artesania de Catalunya 2020 - Edició Virtual, que adaptándose ao actual contexto de crise sanitaria mundial, celebrarase do 19 ao 25 de outubro, baixo o lema “l’Artesania pot salvar el món” - A Artesanía pode salvar o mundo - , evento que impulsa el Consorci de Comerç, Artesania i Moda de Catalunya (CCAM) e cuxa programación de actividades poderá seguirse a través da web e das redes sociais do CCAM; a peza Entre Redesfoi seleccionada para a II edició de la Mostra Internacional d’Audiovisuals d’Artesania.

 Compre salientar que no marco da Setmana d'Artesania de Catalunya 2020 - Edició Virtual, o ente público Artesania Catalunya impulsou a celebración da II edició de la Mostra Internacional d’Audiovisuals d’Artesania, na que será presentado o documental Entre redes (España, 2020), que poderá ollarse na plataforma de cinema Filmin.

ENTRE REDES

 Entre redes, proxecto de final de grao da deseñadora Amalia Puga Cividanes, formada na Escola Elisava, é un documental que reivindica á figura das mulleres popularmente coñecidas como atadeiras - ou redeiras -, adicadas á confección e reparación artesanal de redes de pesca (rascos, trasmallos, volantas, xeitos, ...). 

 A profesión de atadeira, que outrora foi fundamental no desenvolvemento da economía local de A Guarda e doutras moitas vilas pesqueiras do noso país, atópase en serio risco de extinción. Por varios motivos, un deles é a falla de relevo xeracional. Máis o proceso de desaparición desa actividade orixinouse co troco de artes pesqueiras que produciuse na frota de A Guarda - entre outras vilas-, ao pasar da pesca con artes de enmalle a pesca con palangre de superficie.

 Logo da creación da Asociación de Redeiras Atalaia, de A Guarda, a deseñadora Amalia Puga incorporouse ao devandito colectivo de redeiras guardesas, para transitar xuntas desde os primeiros intres do proceso de creación dun producto - a cadeira Bolina -, combinando a peculiaridade e o valor das súas técnicas artesanais pesqueiras coas posibilidades que ofrecen o deseño e a innovación. Ten como obxectivo impulsar o traballo colaborativo entre mulleres, co fin de revalorizar e darlle vida á artesanía.

 No devandito documental, ademáis de Amalia Puga e atadeiras guardesas pertencentes a Asociación de Redeiras Atalaia, participan tamén varios artistas locais, como os membros do grupo musical Helen & Shanna, que coa súa canción “Saudades” poñen a banda sonora ao proxecto; e os fotógrafos Nuria Villa Vicente, de San Xoán de Tabagón (O Rosal) e Brais Martínez Villa, de Camposancos.

 Artesanía, creatividade e deseño, son tres alicerces focalizados ao obxectivo de facer sustentable un medio de vida cun futuro prometedor, no que a tradición redeira terá continuidade e xerará emprego con nomes de muller.

Ningún comentario:

Publicar un comentario