7 de out. de 2020

A GUARDA

O BNG LEVA AO PARLAMENTO GALEGO A SITUACIÓN DA SANIDADE NA GUARDA

Anxo Lois Baz Vicente (portavoz municipal do BNG no Concello de A Guarda): “A situación está sendo insostíbel, os doentes vense na obriga de esperar días para ter unha consulta que en moitos casos non é nin presencial (...).

 

Manuel Antonio Lourenzo, deputado no Parlamento Galego e Anxo Lois Baz, portavoz municipal do BNG da Guarda, amosando a iniciativa parlamentaria presentada polo Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego

 

Infogauda / A Guarda

 O  deputado do BNG Manuel Antonio Lourenzo Sobral presentou no Parlamento galego unha  iniciativa para instar á Xunta de Galiza a restitución do persoal sanitario do centro de saúde e que cubra as baixas de xeito inmediato para garantir unha atención sanitaria de calidade.  

 O parlamentario nacionalista argumenta: “Hai meses que a sociedade guardesa está a padecer a falta de persoal sanitario. Esta situación que nunca pode ser aceptábel, neste momento que vivimos, coa pandemia do coronavirus, transformase nunha auténtica irresponsabilidade por parte das autoridades da Xunta de Galiza”.  

 Manuel Antonio Lourenzo sinalou tamén: “A redución a metade dos facultativos no centro de saúde está xerando unha sobrecarga de traballo aos profesionais que provoca unha atención aos pacientes deficitaria con moitos días de espera para poder ter unha consulta”.  

 Pola súa parte, o portavoz municipal Anxo Lois Baz Vicente manifestou: “A situación está sendo insostíbel, os doentes vense na obriga de esperar días para ter unha consulta que en moitos casos non é nin presencial. Ou esto ten unha solución inmediata ou desde o BNG ademais de levar adiante iniciativas coma a que acabamos de presentar no Parlamento galego chamaremos á sociedade guardesa a manifestarse para poñer fin a esta vergoña”.      

Ningún comentario:

Publicar un comentario