Xornada de limpeza costeira
Organizada pola Asociación O Buxeiro e a Concellería de Medio Ambiente, terá lugar o domingo día 18 de outubro
Infogauda / A Guarda
O domingo día 18 de outubro a Asociación O Buxeiro e o Concello de A Guarda, a través da Concellería de Medio Ambiente, organizan unha xornada de recollida de lixo pola costa.
A actividade ten como obxectivo tanto sensibilizar en materia de xestión de residuos, evitando que o lixo permaneza nos ecosistemas costeiros e se desprace duns ambientes a outros, como contribuir a recollida dos materiais que o mar devolve a costa.
Non é preciso inscrición previa. Tan só é preciso acudir o domingo día 18 deste mes, ás 9:00 da mañá, a Alameda de A Guarda, onde se realizará o reparto de material (luvas e sacos de lixo para a recollida) e se organizarán os grupos (máximo 4-5 persoas) para desprazarse despois ata os diferentes puntos preseleccionados para esta actividade nos termos municipais de A Guarda, O Rosal e Oia.
Os participantes deberán ir provistos de máscara.
Ningún comentario:
Publicar un comentario