Tomiño participará na limpeza simultánea de ríos impulsada por ADEGA
A actividade será o vindeiro domingo 27 de setembro, en dous puntos diferentes do municipio
Infogauda / Tomiño
Como cada ano o Concello de Tomiño colaborará coa limpeza simultánea de ríos impulsada pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) ao abeiro do Proxecto Ríos. O vindeiro domingo día 27 de setembro voluntarios e voluntarias participarán nesta actividade que, baixo o lema ‘Móllate polos ríos’, promove a retirada de lixo da beira dos ríos, coa que se busca achegar un gran de area na conservación dos ecosistemas fluviais e concienciar á veciñanza.
A Concellería de Medio Ambiente e a OMIX de Tomiño coordinarán a limpeza e participación da cidadanía, ademáis dos voluntarios e voluntarias inscritos, da Asociación A Taíña, de Goián, e o Centro terapéutico Alborada, de Piñeiro. Os e as participantes dividiranse en dous grupos, un que sairá do antigo embarcadoiro do ferry en Goián, mentres que outro partirá da Praza do Seixo de Tomiño, fronte ao Concello.
A actividade está aberta a todos os públicos e será de 10.00 a 13.00 horas. As persoas voluntarias serán agasalladas cunhas máscaras co lema da limpeza. Ademais, respectaranse as indicacións pertinentes en relación á crise sanitaria provocada pola Covid-19 dependendo da situación de cada municipio. Dende o Proxecto Ríos lémbrase que o uso de máscara é obrigatorio e recoméndase manter sempre que sexa posible, unha distancia de 1,5 m, e que cada persoa voluntaria leve as súas propias luvas.
Dende a organización aconsellan tamén non arriscar a integridade física para coller lixo en zonas perigosas ou pouco accesibles; pedir axuda a outros participantes para recoller as cousas máis pesadas; extremar as precaucións para retirar vidro, ferralla ou materiais cortantes; non traballar de costas ao río sobre todo se se está arrincando algo que está enterrado para evitar o risco de caer ao auga e ter coidado coas zonas de corrente forte e profunda.
Proxecto Ríos
O Proxecto Ríos é un programa de Educación e Voluntariado Ambiental que ten a finalidade de dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos proporcionando as ferramentas que garantan a súa participación.
A XIII Limpeza Simultánea “Móllate polos ríos” celebrarase este ano en 49 concellos de toda Galiza, e participarán máis de 58 entidades (asociacións, concellos, colectivos ecoloxistas, delegacións de ADEGA, centros de ensino…). Algúns destes grupos xa participaron nas limpezas de anos pasados e outros son grupos participantes no Proxecto Ríos. Tamén hai novas entidades que se sumaron por primeira vez a esta duodécima edición. A limpeza do vindeiro 27 de setembro mobilizará a numerosos voluntarios e voluntarias que se desprazarán aos ríos destes 49 concellos para deixalos libres de lixo, nunha xornada de voluntariado ambiental e concienciación social.

Ningún comentario:
Publicar un comentario