24 de set. de 2020

O ROSAL

Evolución positiva da situación epidemiolóxica no Rosal, con só 10 casos activos  

Sanidade suspende as reunións semanais ao levantarse as medidas restritivas. 

O Concello seguirá trasladando calquera información oficial da que dispoña. 


Infogauda / O Rosal

 O Concello do Rosal destaca a evolución positiva da situación epidemiolóxica do municipio, que nos últimos días [viuse] como descendía paulatinamente o número de casos activos de Covid-19. Segundo os últimos datos facilitados pola Consellería de Sanidade, nestes intres só quedan 10 casos positivos no concello. Recordamos que se consideran casos activos o de aquelas persoas que tendo o seu médico de cabeceira adscrito ao centro de saúde do Rosal deran positivo na proba PCR e aínda non recibiron a alta médica.  

  Esta evolución positiva permitiu que Sanidade levantara o pasado sábado 19 de setembro no Rosal as medidas restritivas decretadas para frear a expansión da Covid-19. Ao saír da zona de restricións a Consellería suspende as reunións semanais programadas co Rosal para facilitar información actualizada da situación no municipio. Non obstante, dende o Concello seguirase trasladando á veciñanza calquera información oficial que transmitan as autoridades sanitarias. 

 Pola súa banda, a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, destaca a importancia da rápida mellora dos datos no Rosal e da redución de casos positivos, pero fai un chamamento á responsabilidade e a cumprir as medidas “de xeito tan exemplar como ata o de agora. “Debemos ser conscientes da nosa vulnerabilidade e de que estes brotes e contaxios puntuais forman xa parte da nosa vida cotiá. Por iso, pola saúde de todos e todas, é momento de redobrar esforzos e extremar as medidas de precaución”, salienta.


Ningún comentario:

Publicar un comentario