O Concello de Tomiño homenaxeará no acto cívico do Alivio aos colectivos que achegaron o seu gran de area durante a crise sanitaria
É a primeira vez que se recoñece o traballo dun colectivo. A homenaxe estará centrada no persoal sanitario, representado pola enfermeira Ana María Fonterosa
Infogauda / Tomiño
O Concello de Tomiño quere render unha sentida homenaxe a todas as persoas que durante a crise sanitaria colaboraron de forma activa para manter a Covid-19 lonxe do municipio. Farao durante un acto cívico do Alivio moi especial que por primeira vez non se dedica a unha persoa individual, senón a todo un colectivo. Tomiño homenaxeará así a todos os colectivos e a toda a veciñanza que fixo do municipio un exemplo de unidade e solidariedade durante unha situación excepcional, adaptándose ás circunstancias e aprendendo a aceptar e transformar a dura realidade con xenerosidade e vontade.
“Foron moitos os veciños e veciñas que ofreceron o seu tempo, as súas habilidades, a súa profesión e, sobre todo, a súa solidariedade. Nos tempos do individualismo, Tomiño mostrou o seu xerme comunitario e deu ás a un traballo conxunto co que se combateron medos e inquedanzas pensando nos máis vulnerables”, explica a alcaldesa, Sandra González.
Tamén será un recoñecemento a profesorado, equipos directivos dos centros, alumnado e ANPAS; a persoal de recollida do lixo, limpadoras e traballadores municipais, persoal do Servizo de Axuda no Fogar; ás forzas de seguridade, Garda Civil, Policía Local e voluntarios e voluntarias de Protección Civil; ás empresas de alimentación e transporte; a autónomos e empresas do sector agrario que desinfectaron as vías públicas; a ADETO e ao voluntariado do programa ‘Tomiño Suma’ que confeccionaron as máscaras,…, e a todas as persoas que achegaron o seu gran de area durante tempos tan difíciles.
O acto cívico centrará a homenaxe no persoal sanitario, que estará representado por Ana María Fonterosa, enfermeira no centro de saúde tomiñés con máis de 32 anos de experiencia. Recoñécese así o traballo dun sector “que soportou con conciencia e responsabilidade o peso clínico do que dependían as vidas humanas. Deles tamén foi o éxito acadado e a quen con este acto queremos inmortalizar, porque a sanidade pública é o que nos fai iguais na sociedade, un ben a coidar e defender”.
Neste ano tan distinto, o acto cívico do Alivio tamén cambia de día e non se celebrará o domingo, como viña sendo habitual. Terá lugar o vindeiro sábado 12 de setembro ás 20.00 horas na Praza do Seixo.
Unha programación para todos os públicos
A programación especial do Alivio incluirá este ano música, maxia, cantacontos ou teatro para toda a familia e de balde, na Praza do Seixo do 7 ao 12 e setembro. Nesta ocasión, como medida de prevención para garantir a saúde de todos e todas será necesario reservar a entrada previamente chamando ao teléfono 986 622 001 ou enviando un correo electrónico a cultura@tomino.gal. En caso de choiva as actuacións trasladaranse ao Mercado Municipal.
Migallas Teatro dará o pistoletazo de saída á programación cun cantacontos o luns 7 de setembro ás 19.00 horas. O martes 8 será a quenda do concerto do grupo Smithsonian a parir das 19.00 horas. O mércores 9 chegará o espectáculo de Ian e Eli ‘Somos iguais na maxia’ (19h).
O xoves 10 tocará tarde teatral con Alba Grande a partir das 19.00 horas e o venres 11 concerto de Acevedos Delgados & Jose García ás 22.30 horas.
O sábado 12 a programación rematará co acto cívico (20.00 h) e co concerto da Banda de Música de Goián a partir das 22.30 horas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario