A Galiña Azul do Rosal, lista para o comezo do novo curso este venres 4 de setembro
Concello e profesorado traballaron man a man para mellorar e adaptar as instalacións ás necesidades provocadas pola COVID-19
Vista parcial do interior da Escola Infantil A Galiña Azul, do Rosal
Foto: C.O.R.
Infogauda / O Rosal
"A Galiña Azul do Rosal comezará este venres 4 de setembro, o novo curso coas súas instalacións adaptadas ás novas necesidades provocadas pola Covid-19. Concello e dirección do centro están a traballar man a man para iniciar o curso escolar da forma máis normalizada posible, garantindo a saúde de nenos e nenas e trasladando aos pais e nais unha mensaxe de tranquilidade". Así o vén de comunicar o Equipo de Goberno Municipal que preside á alcaldesa Ánxela Fernández.
A alcaldesa da conta que "ao longo do verán, leváronse a cabo diferentes traballos de mellora nesta escola infantil enfocados a paliar a situación provocada polo coronavirus e axeitar as instalacións ás medidas de prevención establecidas para evitar contaxios. Así, dotouse ao centro de vallas de tipo New Jersey, un material orixinariamente ideado para a separación de espazos nas obras que resulta o máis axeitado para separar aos grupos de nenos e nenas de distintas idades, xa que os cativos e cativas non poden tiralas nin mancarse con elas. Ademais, ao ser móbiles permite cambiar facilmente a disposición de espazos en caso de necesitalo.
Xunto con estas vallas, tamén se delimitou o areeiro da Galiña Azul cun valado de madeira que permita controlar ao grupo burbulla que está no seu interior e evitar que se mesturen con outro. Tamén seestá traballandono cambio do fregadeiro por un máis grande que facilite o traballo de lavado e desinfección de xoguetes, na colocación de dispensadores de papel e xabón nos baños ena instalación dunha mampara de ducha ou dun timbre inalámbrico que permita a entrada a persoas alleas ao centro por portas diferentes a das do alumnado.
Ademais destas melloras, o Concello realizou nestes meses outras tarefas de mantemento, como o tratamento das baldosas do comedor cun produto antideslizante, a a limpeza das cristaleiras exteriores ou a posta a punto do céspede e do areeiro.
Dende o Concello quere poñerse en valor a implicación e o traballo realizado por todo o persoal desta escola infantil para establecer todos os protocolos de seguridade necesarios para garantir a saúde do alumnado e para que o arranque do curso transcorra coa maior normalidade. Tamén quérese agradecer o labor dos operarios municipais que traballaron nas diversas tarefas de acondicionamento do centro".
Antes do remate do curso a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, mantivo unha reunión co Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, do que dependen todas as escolas Galiña Azul, para tratar entre outros asuntos a dotación de material para os centros. Deste xeito, o Consorcio colaborará tamén coa compra de mesas abatibles e das taquillas que precisa o persoal da escola.
Ningún comentario:
Publicar un comentario