3 de set. de 2020

TURISMO

‘VIVE O RIO MINHO’: ACTIVIDADES ECOTURÍSTICAS PARA COÑECER ‘DOUS PAÍSES E UN DESTINO’  

A presidenta da Deputación e o deputado de Cooperación Transfronteiriza presentaron hoxe un programa de rutas e eventos de natureza que se desenvolverá entre o 12 de setembro e o 4 de outubro nos concellos galegos e portugueses das marxes do Miño  

Mañá ábrese a inscrición, que se cubrirá por orde de solicitude

De esq. a der.: Raúl Fernández, xerente da empresa Xeitura; Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra; e Uxío Benítez, deputado de Cooperación Transfronteiriza e director do AECT Rio Minho, na presentación das actividades  
Foto: D.PO.

Infogauda / Pontevedra

 Baixo o nome de ‘Vive o Rio Minho’, a Deputación de Pontevedra vai desenvolver sete actividades ecoturísticas no Río Miño transfronteirizo –nos concellos galegos e portugueses que lindan coa vía fluvial- entre o 12 de setembro e o 4 de outubro. O obxectivo, segundo explicou hoxe o deputado de Cooperación Transfronteiriza e director do AECT Rio Minho Uxío Benítez Fernández, é ofrecer unha alternativa turística seguindo “o que a sociedade hoxe demanda a raíz da crise da Covid 19, dando a oportunidade de coñecer o territorio dun xeito tranquilo, seguro, e buscando a natureza e todo o que ofrece o río Miño”.   

 As actividades están desenvolvidas dentro do proxecto Visit Rio Minho, co-financiado con fondos FEDER, a través do programa ‘Interreg V-A POCTEP 2014-2020’). Xirarán ao redor do río Miño, e realizaranse de forma cronolóxica avanzando polo territorio seguindo o seu curso, desde a parte alta ata a súa desembocadura. Son gratuítas para o público e están dirixidas a un público amplo e diverso, abranguendo non só os recursos da zona, senón empresas locais que traballan e realizan actividades nela: haberá sendeirismo, rutas en bici, rutas urbanas e percorridos históricos, visitas a adegas, museos, petróglifos, balsismo, caiac, gastronomía, observación ornitolóxica e astronómica, entre outras actividades.   

 “Queremos convidar á veciñanza da provincia a que participe. O obxectivo é conseguir que sexa máis coñecida unha parte da provincia que polo feito de ter sido fronteira durante centos e centos de anos é unha parte descoñecida. Queremos dar a coñecer o territorio, amosalo dun xeito transfronteirizo e único. Este é un produto diferente e moi atractivo”, subliñou Benítez.  

 Segundo apuntou o deputado nacionalista, a Deputación tomou a decisión de facer unha aposta polo desenvolvemento socioeconómico do territorio do río Miño, e fíxoo a través de dúas vías. Creando unha parte a nivel institucional que foi a AECT Rio Minho cos socios da Comunidade Intermunicipal Alto Minho de Portugal, que comezou a traballar hai uns anos e, por outra parte, desenvolvendo unha estratexia en colaboración coas universidades, unha estratexia do Miño 2030 na que se marcaban uns obxectivos e accións para desenvolver o territorio.   

 “Tanto na estratexia como nos estatutos do AECT Rio Minho marcouse como un dos obxectivos máis importantes desenvolver turisticamente o territorio do Miño como un único territorio e envolvelo nunha marca turística única que se presentase diante do mundo como a imaxe dun territorio transfronteirizo, que ofrece nun só destino dous países”, abondou Benítez.   

 A presidenta da Deputación, Carmela Silva Rego, destacou pola súa banda a “espectacular” e “atractiva” proposta que engloba Vive o Río Minho, “que conxuga todo tipo de actividades co coñecemento e desfrute do territorio Río Minho”. Subliñou tamén que desde a súa creación hai cinco anos, a AECT Río Minho tense convertido nunha “referencia”, non só na provincia, na promoción e defensa dun territorio común “único” polo seu carácter transfronteirizo. ”Se hai un elemento significativo de que a política serve para transformar o espazo que gobernamos é a creación desta AECT”, manifestou.  

 Neste senso, sinalou que a súa posta en marcha “foi unha aposta intelixente que ten dado grandes resultados e está servindo de exemplo a outros concellos que teñen moito en común”. Carmela Silva destacou tamén que o traballo que está a desenvolver a AECT froito da suma de vontades de concellos de ambos lados do río  é “revolucionario”. “Revolución significa volver a evolucionar e estes alcaldes e alcaldesas están voltando a evolucionar conxuntamente”, indicou. Neste momento da Covid ou sumamos vontades, traballamos e temos plans elaborados a través de diferentes espazos e territorios cun proxecto común ou será moi difícil que avancemos”, engadiu Silva. 

Actividades 

 Segundo explicou Raúl Fernández, xerente da empresa Xeitura, que desenvolverá a iniciativa, as propostas para coñecer o Miño divídense en diferentes xornadas de fins de semana consecutivos entre o 12 de setembro e o 4 de outubro. Para a primeira fin de semana haberá dúas actividades: Unha ruta de sendeirismo nas marxes do Miño e do río Deva ata o alto da Moura e unha visita a Melgaço e, por outra parte, un descenso no río Miño xunto a unha visita guiada a unha adega en As Neves e a visita aos petróglifos da Coutada.   

 Na fin de semana do 19 e 20 de setembro terán lugar a terceira e a cuarta ruta. A terceira consiste nun percorrido circular pola contorna de Salvaterra, así como a visita á viña e ao Museo do Viño. Ao día seguinte a proposta é unha ruta polo municipio de Monçao coñecida como ‘A Cova da Moura’, unha vista ao palacio da Brejoeira e unha visita a Monçao.  

 A seguinte xornada, do 26 de setembro, inclúe un percorrido en bici pola ecovía do Miño entre Valença do Minho e Vila Nova de Cerveira, e unha visita guiada por Valença do Minho e Tui. 

 O domingo 27 de setembro realizarase unha ruta de sendeirismo entre a desembocadura do Tamuxe e o porto de Goián, a visita á fortaleza, e un tramo en caiac polo río.

 Finalmente, para o 3 e 4 de outubro plantéxase unha fin de semana completa na que se combinarán as rutas de sendeirismo, a observación ornitolóxica, visitas guiadas, e unha visita dramatizada no castro de Santa Trega, en A Guarda. 

 Todas as actividades son gratuítas e están destinadas ao público xeral. As inscricións para os eventos da primeira fin de semana poden realizarse dende mañá venres ata o vindeiro xoves ás 23 horas na páxina web da Deputación (depo.gal) e as prazas cubriranse por orden de chegada. As incricións para as seguintes actividades realizaranse entre o luns anterior ás 9 horas e ata o xoves ás 23 horas no caso de non cubrir as prazas con anterioridade (entre 45 e 50 por evento).

Ningún comentario:

Publicar un comentario