20 de set. de 2020

PONTEVEDRA

Perto de 14.000 persoas seguiron o programa  formativo da edición en liña do Pont-Up Store 

O encontro de emprendemento máis importante do noroeste peninsular pechou a súa edición en liña superando con nota a adaptación á nova normalidade imposta pola Covid-19. 

Nun evento que se desenvolveu exclusivamente en liña durante tres días, o Pont-Up Store alcanzou un seguemento total de perto de 14.000 persoas conectadas, multiplicando de forma inesperada as 229 inscricións. 

As actividades de internacionacionalización organizadas en colaboración con Ticket2Europe, e o obradoiro de seguridade informática impartido polo asesor TIC, David López Pazos e o especialista en sistemas informáticos, Oscar Prats Expremans, foron as sesións máis seguidas. 

Todos os materiais formativos poderán ser consultados na web, que a partir de agora funcionará como un repositorio de recursos de apoio ao emprendemento. 

A organización agarda poder anunciar en breve novas datas para a súa edición presencial.   

 

Marían Fernández Álvarez / Pontevedra

 A situación sanitaria provocada pola Covid-19 obrigou a adiar a celebración das actividades presenciais incluídas na sétima edición, mais non así o programa de 14 talleres, coloquios e seminarios que se desenvolveron a través da rede entre o xoves 17 e o sábado 19. A 7ª edición do Pont-Up Store pasará á historia por inaugurar con éxito o formato dixital do encontro. A organización do evento demostrou a súa capacidade de resiliencia para adaptarse ás restriccións impostas na cidade de Pontevedra ás portas da celebración do encontro e logrou manter a participación no seu programa formativo con cifras que mesmo superaron amplamente os rexistros iniciais. Nos tres días, as sesións do encontro conseguiron un alcance total de 13.785 persoas e 1.228 interaccións, unhas cifras inesperadas ao inicio do encontro, no que se inscribiron 229 persoas.  

 Entre as actividades que espertaron máis interese estiveron as 3 sesións do Espazo de Internacionalización, organizadas en colaboración con Ticket2Europe, que eran unha das novidades desta edición e que foron seguidas por un total de 7.454 persoas. Tamén alcanzou un amplo seguemento o obradoiro de seguridade informática impartido dentro do Espazo de desenvolvemento de competencias e economía social polo formador e asesor TIC, David López Pazos, e o especialista en sistemas informáticos, Oscar Prats Expremans, que tivo un alcance de 2.197 persoas. Dentro deste mesmo espazo tamén foi un éxito o obradoiro formativo de 2 módulos Leva o teu negocio ao seguinte nivel co marketing dixital impartido por R o venres e o sábado. Ademais, conseguiron unha grande repercusión a sesión de empresas sociais e a palestra de emprendedoras, que foron seguidas por 1.512 e 1.200 respectivamente.   

 Todas as sesión estarán disponibles na web do Pont-Up Store, que funcionará a partir deste ano como plataforma para soportar a dixitalización dun evento que continuará a súa traxectoria en formato híbrido, co obxectivo de ir sumando contidos que conformen un repositorio estable e de interese para os novos emprendementos.  

 Tras pechar con éxito esta edición en liña, a organización traballa agora co obxectivo de poder anunciar en breve novas datas seguras para celebrar a súa agardada edición presencial na que se presentarán 45 novos emprendementos seleccionados pola organización neste 2020.  

 O Pont-Up Store está liderado polo Campus CREA de Pontevedra (Universidade de Vigo) co apoio do Concello de Pontevedra como patrocinador principal, e é froito da cooperación de case 40 entidades públicas e privadas que durante estes sete anos foron sumándose como patrocinadores ou colaboradores ata conformar un ecosistema de apoio ao emprendemento.

Ningún comentario:

Publicar un comentario