20 de set. de 2020

DEPORTES

PIRAGÜISMO

O TEIXUGO LUÍS FERNÁNDEZ NOS EUROPEOS DE PRAGA COA SELECCIÓN ESPAÑOLA  

 

Luís Fernández

Informa (fotografías e redacción): Rosa Fernández Carrera

 

 O deportista de Salceda de Caselas, membro do Club Deportivo Miño - Teixugos, Luís Fernández, foi convocado pola Federación Española de Piragüismo para formar parte do equipo nacional de C1 que acudiu ao Campionato Europeo de Slálom celebrado na cidade de Praga. Esta é a primeira competición relevante que se celebra neste 2020, no que se cancelaron xa as Copas internacionais e as competicións restantes da Liga Española.  

 Luís comezou a súa participación o pasado venres 18, na modalidade individual. O circuíto para a proba foi considerado polos participantes como longo e duro. Na súa primeira baixada o teixugo fixo un bo tempo, pero con demasiadas penalizacións por toques nas portas, que o deixaron a un posto de entrar en semifinais. Na segunda baixada, para repesca de semifinais, tampouco Luís foi quen de facer un bo tempo, quedando definitivamente fóra das semifinais, rematando o campionato no posto vixésimo cuarto.  

 

Luís Fernández
  

 O domingo, Luís participou na modalidade de equipos ou patrullas, cos outros dous integrantes do equipo de canoa, o catalá Miquel Travé, e, o tamén galego, Daniel Pérez. A baixada foi un tanto accidentada, con algúns fallos, que os deixaron lonxe das medallas, no sétimo lugar.  

 Acompañando a Luís no equipo nacional  estaban outros dous galegos, Daniel Pérez e Ainhoa Lameiro, do Club Piragüismo Penedo Te Importa. Daniel, tampouco foi quen de acceder a semifinais, mentres que Ainhoa fixo unha boa baixada e si deu acadado semifinais, aínda que non as finais, rematando o campionato décimo sexta.  

 Esta participación pon de relevo, unha vez máis, o bo momento do slálom galego, ata non fai moito dominado por deportistas vascos e catalás.

Ningún comentario:

Publicar un comentario