1 de set. de 2020

PONTEVEDRA

A Deputación de Pontevedra abrirá o 17 de setembro o Ciclo de Conferencias Científicas Aida Fernández Ríos coa webinar do investigador Xosé García Bustelo  

A primeira webinar, organizada coa Real Academia Galega de Ciencias, abordará o cancro e as persoas interesadas poden inscribirse a partir deste martes, 1 de setembro, a través da web da Deputación



Infogauda / Pontevedra

 A webinar sobre o cancro a cargo do profesor de Investigación do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) Xosé Ramón García Bustelo abrirá o día 17 de setembro o primeiro Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos, que a Deputación de Pontevedra organiza en colaboración coa Real Academia Galega de Ciencias. Este ciclo ten como obxectivo principal achegar a ciencia á sociedade e, debido á pandemia da Covid-19, será on line en formato webinar e precisará inscrición previa. Deste xeito, para esta primeira sesión as persoas interesadas en participar poden apuntarse a partir deste martes 1 de setembro na web da Deputación (www.depo.gal).  

 A charla de García Bustelo que, como o resto das previstas, está aberta a todos os públicos que desexen informarse sobre temas de actualidade, leva por título "Cancro: dos fundamentos ás novas terapias" e nela abordará de forma sinxela cales son as bases moleculares desta enfermidade. Tamén falará de como ese coñecemento se está a traducir no desenvolvemento de novas terapias dirixidas contra as células tumorais e que teñen efectos colaterais cada vez máis pequenos nos tecidos sans do noso organismo. Así mesmo, estes avances están a cambiar a forma na que as e os pacientes con cancro teñen que ser diagnosticados e seleccionados para poderen ser tratados efectivamente por esas terapias. Doutra banda, abordaranse tamén os retos que quedan aínda por diante para acadar mellores taxas de curación.  

 Xosé Ramón García Bustelo é profesor de Investigación do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e vicedirector do Centro de Investigación do Cancro de Salamanca. Así mesmo, é coordinador do Programa Científico de Investigación Biomédica en Rede de Cancro e presidente da Asociación Española de Investigación sobre o Cancro (ASEICA).  

 O ciclo Aida Fernández Ríos continuará a partir de outubro con outras seis webinars, que abordarán temas como a Intelixencia Artificial e o cambio de hora e o fuxo horario, así como cuestións relacionadas coa sanidade, con especial incidencia na Covid-19, o ciclo económico ou a acuicultura e biotecnoloxía, e que estarán impartidas por outras nove destacadas persoas científicas.  

 Na presentación deste ciclo, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, destacara a importancia deste tipo de actividades de divulgación, "xa que temos moito camiño que percorrer, temos que achegar a ciencia ao conxunto da sociedade, xa que o mundo depende da ciencia para  poder avanzar". Amais, a cita servirá tamén "para visibilizar a mulleres deste eido, como Aida Fernández Ríos". Pola súa banda, a vicepresidenta da Real Academia de Ciencias e coordinadora do ciclo de conferencias, Alicia Estévez, destacara que ten como obxectivo "aumentar a cultura científica na sociedade, xa que unha sociedade máis culta é moito máis difícil que sexa manipulada".

Ningún comentario:

Publicar un comentario