1 de set. de 2020

EDUCACIÓN

A Xunta de Galicia crea os Premios Innovagal ao compromiso coa innovación educativa  

O obxectivo desta convocatoria é recoñecer o labor de docentes e centros que desenvolvan enfoques didácticos ou organizativos que buscan dar resposta ás necesidades do seu alumnado



Infogauda / Galicia
 
  A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional acaba de crear e lanzar a primeira convocatoria dos Premios educativos Innovagal, que teñen como obxectivo recoñecer a centros e docentes cunha traxectoria de compromiso coa innovación educativa, a través do desenvolvemento de iniciativas didácticas ou organizativas que buscan dar resposta ás necesidades do seu alumnado, que cambian en función da evolución da sociedade.

 A convocatoria establece dúas modalidades de participación, unha para centros e outra para docentes. Dentro destas modalidades establécense dúas categorías, unha para escolas de educación infantil, colexios rurais agrupados, centros de educación especial, colexios de educación infantil e primaria e colexios de educación primaria e outra para centros públicos integrados e institutos de educación secundaria, todos eles centros públicos dependentes da Consellería.

 Na modalidade docente outorgaranse oito premios dotados con 3.000 € cada un. Na modalidade centro outorgaranse tres premios por cada categoría cos seguintes importes: 10.000 € para o 1º premio, 6.000 € para o 2º premio e 3.000 € para o 3º premio. Entre os premiados da modalidade centro a comisión poderá outorgar dúas mencións de honra, unha por cada categoría. Estas mencións están dirixidas ás propostas destacadas con estratexias innovadoras de adaptación da actividade lectiva a un escenario non presencial motivado pola COVID-19 no curso 2019/20. Cada mención de honra contará cunha dotación económica de 1000€ que se sumará ao importe obtido polo premio correspondente (1º, 2º ou 3º).

 Ademais da dotación económica do premio, na modalidade centro, os centros premiados nesta convocatoria recibirán o distintivo de Centro educativo Innovagal, que se exporá en lugar visible no centro e figurará na súa páxina web e na documentación impresa. Esta certificación terá unha vixencia de catro cursos escolares. Na modalidade docente, o profesorado premiado recibirá unha certificación de premio de innovación educativa cunha equivalencia de 50 horas de formación permanente do profesorado.

Calidade

 A innovación desenvolvida nos centros constitúe parte dun proceso de cambio necesario para a adaptación do noso sistema educativo aos retos da sociedade actual e un medio que propicia a mellora na calidade educativa.

 Neste sentido, as prácticas educativas innovadoras supoñen unha oportunidade para aplicar metodoloxías activas que sitúen ao alumnado como protagonista da súa propia aprendizaxe e que fomenten o traballo en equipo. Involucran, ademais, varias disciplinas e promoven unha serie de melloras sostibles no tempo e aplicables noutros contextos educativos similares que buscan dar resposta ás necesidades do alumnado.

Solicitudes

 Cada docente ou centro, segundo a modalidade, presentará unha única solicitude. Entre outra documentación, para participar na convocatoria os participantes deberán remitir unha memoria descritiva das iniciativas innovadoras desenvolvidas onde se inclúan os cambios adoptados no seu centro e/ou aula a nivel organizativo, pedagóxico e programático para o desenvolvemento desas iniciativas e o impacto da súa implantación.

 As solicitudes e documentación dirixiranse á Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, e presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos na Sede Electrónica da Xunta de Galicia. O prazo de presentación de solicitudes e documentación rematará o 5 de outubro de 2020.

Ningún comentario:

Publicar un comentario