A primeira ruta literaria marca a axenda cultural da Deputación de Pontevedra no inicio de setembro
A Deputación ten programadas para esta semana seis accións culturais nos concellos de Cangas, Caldas de Reis, Vila de Cruces, Ponteareas, Baiona e Lalín
Infogauda / Pontevedra
A chegada do mes de setembro non fai que a cultura decaia na provincia, de feito, a primeira semana deste mes chega con seis accións da man da Deputación de Pontevedra. A institución, que segue coa súa forte aposta polas industrias creativas e culturais, ten programados concertos nos concellos de Cangas, Caldas de Reis, Vila de Cruces e Ponteareas, unha ruta literaria en Baiona e unha exposición en Lalín.
Para gozar do prato forte da programación cultural desta semana haberá que esperar ao domingo 6, día elixido para dar comezo aos "Roteiros literarios" que a Deputación programou entre os meses de setembro e outubro por distintos lugares da provincia. Será o título Segredos do Solpor, de Iria Misa, o que inaugure estas rutas literarias. A autora percorrerá as rúas de Baiona saíndo desde a praza de abastos da vila, ás 11:30 horas.
Ademais, hoxe mesmo terá lugar o primeiro concerto de "Musigal" deste mes. Será Óscar Ibáñez & Tribo quen fagan vibrar a explanada das naves de Ojea, no concello de Cangas, ás 22:30 horas. O xoves día 3 a sección de percusión da Orquestra Clásica de Vigo interpretará o seu repertorio na carballeira de Caldas de Reis. A cita terá lugar ás 20:00 horas e enmárcase no programa "Música no ar". De cara ao sábado 5 a Deputación ten programados dous concertos dentro de "Musigal". Óscar Ibáñez & Tribo actuarán ás 19:00 horas na praza de Xoán Carlos I de Vila de Cruces e Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre farán o mesmo ás 22:00 horas no parque da Feira Vella de Ponteareas (en caso de choiva este concerto trasladarase ao auditorio municipal).
Ademais, no concello de Lalín o ente provincial expón a mostra "Pegadas na paisaxe. O patrimonio de Deza", que busca dar a coñecer o rico patrimonio arqueolóxico da provincia. A exposición poderá visitarse no pazo de Liñares ata o 6 de setembro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario