25 de set. de 2020

OIA

A BRILAT recoñece á alcaldesa de Oia co premio “Dama Azor” 

· Durante o acto de entrega da distinción, o xeneral xefe Luís Cortés, destacou que este ano é o primeiro que estes premios se conceden “á persoa dunha dama” 


O acto protocolario celebrouse no Salón de Plenos do Consistorio oiense e nel participaron diversos mandos da Brigada, así como o equipo do goberno municipal, presidido pola alcaldesa   

 

Infogauda / Oia

 A alcaldesa do Concello de Oia, Cristina Correa Pombal, vén de recibir o premio “Dama Azor” en recoñecemento polo apoio e colaboración que a institución municipal presta á Brigada “Galicia” VII BRILAT, que desde hai anos desenvolve no concello parte das súas actividades de preparación militar.  

 “En nome de todos os homes e mulleres que estamos na BRILAT, damos os parabéns ao Concello”, destacou o xeneral xefe Luís Cortés, durante a entrega do premio. Na súa intervención, destacou que este ano é o primeiro que estes Premios Azor se conceden “á persoa dunha dama”. Concretamente, neste 2020 foron tres as mulleres galardoadas, entre elas a rexedora oiense.  

 O acto protocolario celebrouse o pasado mércores no Salón de Plenos do Consistorio oiense e nel participaron diversos mandos da Brigada, así como o equipo do goberno municipal, presidido pola alcaldesa. Ademais de facerse entrega do premio “Dama Azor” á rexedora, a institución local agasallou á BRILAT cunha gaita artesá para a súa banda musical.  

 Nas súas respectivas intervencións, tanto o xeneral como a rexedora destacaron a colaboración entre ambas institucións, a través da que a BRILAT desenvolve diversas actividades de preparación en Oia. Nese sentido, Correa tamén lembrou á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Burgueira, pois é a que facilita “uns terreos moi adecuados ás necesidades de preparación dos militares” na zona de Torroña.  

Un “honor e orgullo”  

 Cristina Correa afirmou recibir o recoñecemento con “honor e orgullo” e “especialmente emocionada” pola colaboración de “moitos anos” que existe entre ambas institucións. A ese respecto, asegurou a continuidade do apoio do Concello á BRILAT.    

 Na súa intervención, a alcaldesa destacou o importante labor que a Brigada desenvolve en misións internacionais, na loita contra os incendios forestais e na operación destinada a reducir o impacto da COVID-19. Tamén tivo palabras de agradecemento á súa banda de música, a cal participa habitualmente na celebración das principais festividades locais en Oia.   

 O acto, que se desenvolveu mantendo todas as medidas de seguridade segundo as normativas pola Covid-19, contou coa asistencia de diversas autoridades da Brigada, entre elas o tenente coronel xefe do Batallón do Grupo Loxístico, Bernardo González Lázaro, e o comandante Pablo Ponce de León.

Ningún comentario:

Publicar un comentario