25 de set. de 2020

OIA

O GRUPO SOCIALISTA DENUNCIA QUE O CONCELLO DE OIA TERÁ QUE DEVOLVER A SOGAMA TODA A BONIFICACIÓN DO 10% DO CANON DO LIXO DE 2019 

· O PSdeG-PSOE esixe ao Goberno municipal que explique publicamente o importe da débeda e que corrixa o seu erro volvendo a reclamar a bonificación e trasladándoa directamente nunha rebaixa da taxa do lixo  

· Gerardo Rodríguez (portavoz do Grupo Municipal do PSdeG-PSOE): “Queda claro que en Oia temos un mal Goberno e que os prexuízos son para a veciñanza”  

 

Gerardo Rodríguez Refojos, voceiro do Grupo Municipal do PSdeG-PSOE no Concello de Oia

Infogauda / Oia

 O Grupo Municipal do PSdeG-PSOE no Concello de Oia vén de presentar unha moción para o seu debate no Pleno da Corporación pola que pide explicacións sobre a débeda coa Sociedade Galega de Medio Ambiente (SOGAMA) a resultas do incumprimento das condicións para a bonificación do 10% no canon do lixo solicitada pola Alcaldía o pasado ano 2019

 O voceiro socialista, Gerardo Rodríguez Refojos, explica que Oia foi un dos 44 concellos que o ano pasado solicitou esta bonificación dun 10% no prezo da tonelada enviada á planta incineradora de Cerceda, que supón na práctica unha rebaixa duns 7 euros no prezo por tonelada (de 69,83 € a 62,83 €). A rebaixa tamén tiña que ser trasladada á taxa que paga a veciñanza, cousa que o Concello non fixo

 Diante desta situación SOGAMA está a reclamar as cantidades non pagadas, o que supón un contratempo para as arcas municipais

 Gerardo Rodriguez denuncia a falta de transparencia á hora de informar sobre esta situación e esixe no texto da moción que se aclare a través dun informe económico o importe da débeda, “produto da mala xestión realizada pola Alcaldía”

 Ao mesmo tempo esíxelle á Alcaldía que “se ten un mínimo de coherencia e de preocupación polos intereses xerais do municipio” volva reclamar a rebaixa no canon de lixo de SOGAMA, aproveitando a extensión da oferta da sociedade pública para este ano. Engade que, unha vez solicitada, se proceda inmediatamente a rebaixar a taxa por recollida de lixo á veciñanza. 

 O voceiro socialista no Concello de Oia considera que a situación producida é un claro indicativo da falta de capacidade de xestión do grupo de Goberno Municipal e explica que na provincia de Pontevedra houbo 21 concellos que foron quen de cumprir cos requisitos esixidos por SOGAMA, polo que agora non se ven na tesitura de ter que proceder á devolución. Ademais, engade, houbo outros 17 que despois de estudar a oferta decidiron descartala. “O lamentable é que a nosa alcaldesa decidiu solicitar a bonificación e logo esqueceuse de cumprir as súas obrigas, o que sería moi malo; ou ben, que solicitou a bonificación sen botar antes as contas, o que sería aínda peor”. 

“En todo caso - conclúe Gerardo Rodríguez - queda claro que temos un mal equipo de goberno e que os prexuízos son para a veciñanza”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario