Sanidade levanta no Rosal as medidas restritivas por mor da Covid-19
Tómase esta decisión pola evolución positiva da situación epidemiolóxica. Dende as 00.00 h deste sábado 19 volverán a estar en vigor as medidas anteriores.
Infogauda / O Rosal
Na mañá deste venres día 18 de setembro de 2020, o Equipo de Goberno Municipal do Concello do Rosal fixo público o seguinte comunicado:
"A Consellería de Sanidade decidiu levantar as medidas restritivas que se viñan aplicando no Rosal tras a evolución positiva da situación epidemiolóxica. Ademais de baixar ata 15 os casos activos e ata 25 as persoas en corentena, as autoridades sanitarias aseguran que todos os contaxios e brotes están perfectamente controlados e a situación é estable.
Esta decisión publicarase este mesmo venres no Diario Oficial de Galicia e entrará en vigor a partir das 00.00 horas do sábado 19 de setembro. Dende ese mesmo momento estarán vixentes as medidas anteriores, como a obriga de levar máscara, manter a distancia de seguridade e extremar as medidas de hixiene.
Dende o Concello quérese facer un novo chamamento á responsabilidade e a seguir sendo respectuosos coas medidas preventivas establecidas. Aínda que a situación está a mellorar non debemos confiarnos: nesta nova realidade debemos convivir coa COVID-19, polo que debemos ser conscientes da nosa vulnerabilidade e redobrar esforzos para minimizar riscos.
O Concello trasladará á veciñanza calquera nova información oficial que se comunique dende Sanidade".
Ningún comentario:
Publicar un comentario