O Concello contará cun novo vehículo para o servizo de Vías e Obras
Adxudicado o contrato de subministro por un valor de 24.350 euros.
Substituirá á furgoneta empregada ata o de agora, con máis de 20 anos de antigüidade
Infogauda / O Rosal
O Equipo de Goberno Municipal vén de facer público que "o Concello do Rosal acaba de adxudicar o contrato para o subministro dun vehículo para o servizo de Vías e Obras que se empregará para o traslado do persoal deste departamento, principalmente de aquel que desempeña tarefas de desbroce no termo municipal, así como de todo o material necesario para o desenvolvemento das súas funcións. Esta furgoneta terá un custo de 24.350 euros que irán a cargo do Plan Concellos 2019 da Deputación de Pontevedra.
Esta adxudicación nace da necesidade do Concello de adquirir un novo vehículo para estas funcións, xa que o que se estaba empregando ata o momento ten máis de 20 anos de antigüidade e sofre avarías con frecuencia. O novo vehículo, de menos de 10 prazas e acondicionado para o transporte de material, será de cor branca e terá rotulado o nome e o escudo do Concello do Rosal e da Deputación.
O contrato inclúe o servizo de asistencia técnica para o vehículo e unha ampliación do prazo de garantía ata os tres anos. A furgoneta será entregada ao Concello no prazo aproximado dun mes".
Ningún comentario:
Publicar un comentario