18 de set. de 2020

A GUARDA

Sanidade levanta na Guarda as restricións preventivas por motivo do Covid-19 

•  Pola evolución favorable dos contaxios durante esta semana

 Casa dos Alonso, sede do Concello de A Guarda
Foto: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 Na mañá deste venres día 18 de setembro de 2020, o Equipo de Goberno Municipal do Concello de A Guarda emitiu un comunicado no que informa á cidadanía que "despois de escoitar as recomendacións do Comité Clínico, en canto a evolución do número de casos activos durante esta última semana, Sanidade decide poñer fin as restricións que anunciara o pasado 11 de setembro. O anuncio farase público no Diario Oficial de Galicia e terá vixencia a partir das 0:00 h do sábado 19 de setembro. 

 A última comunicación da situación epidemiolóxica na Guarda, realizada na tarde do xoves 17 de setembro, elevaba a 22 o número de casos activos, 8 menos que fai unha semana. Así mesmo Sanidade comunicaba que hai 53 casos aos que se lle está facendo estreito seguimento. 

 O concello seguirá mantendo para este sábado a medida de prevención de non celebrar o mercadillo, salvo cos postos de alimentación e flores. No caso de manterse a evolución epidemiolóxica desta semana, o próximo sábado día 26, celebrarase de novo o mercadillo completo, tendo sempre en conta as medidas de prevención recomendadas". 

A FESTIVIDADE DE SANTA TREGA CONMEMORARASE DE XEITO DIFERENTE

 O vindeiro día 23 deste mes (festivo local), A Guarda acollerá as celebracións da festividade de Santa Trega, que neste ano tan atípico, e ante as medidas de prevención motivadas pola pandemia da Covid-19, terán que realizarse dun xeito distinto. 

 Como xa anunciaron as autoridades eclesiásticas, as misas, que tradicionalmente oficíanse na ermida no Monte de Santa Trega, celebraranse na Igrexa Parroquial e con limitacións de aforo tal e como ditan as normas sanitarias vixentes. Non se realizarán as poxas de froitos do mar e da terra, nin haberá procesión. 

 A ermida de Santa Trega estará aberta ao público nesta xornada para todos os fieis e devotos que desexen facer as súas ofrendas, sempre respectando as distancias de seguridade, o uso obrigatorio de máscaras de protección e hidroxel. 

CONTINÚAN EN VIGOR AS MEDIDAS DE PREVENCIÓN

 Como en anteriores ocasións, o concello insta "a cumprir as medidas de prevención a toda a poboación: uso da mascarilla, hixiene de mans e o mantemento da distancia social, sobre todo tendo en conta que co comenzo da actividade escolar aparecen novos factores de risco. Dende o concello queremos trasladarlle ás familias que reforcen as medidas de precaución cos cativos, prestando especial atención a aparición de febre".

Ningún comentario:

Publicar un comentario