10 de set. de 2020

O ROSAL

O CRA, listo para a volta ás aulas  

O Concello realizou traballos de mellora nos distintos centros e está a acondicionar os espazos para acoller ao alumnado con seguridade  

Unha das obras máis destacadas foi a construción dunha rampla para persoas de mobilidade reducida en Pancenteo  
 
A alcaldesa Ánxela Fernández deu conta do labor desenvolvido nas escolas, nas semanas previas ao comezo do curso escolar
Fotos: C.O.R.


Infogauda / O Rosal

 "O Concello do Rosal traballa co CRA María Zambrano para unha volta ás aulas segura". Así o vén de comunicar este xoves día 10 de setembro o Equipo de Goberno Municipal que preside á alcaldesa Ánxela Fernández. A xeito de resumo das actuacions desenvolvidas nas semanas precedentes, as mesmas fontes fan público que "atendendo ao novo protocolo pola Covid-19, os operarios municipais remataron estes días os traballos de mellora e preparación das distintas escolas unitarias, nas que se acondicionaron os espazos para poder acoller a todo o alumnado con seguridade e con todas as medidas de prevención necesarias. Por este motivo, retirouse unha parte do mobiliario e procedeuse á renovación de parte do material escolar. Ademais, colocáronse dispensadores de xabón e papel de man en todas as aulas. 





 Xunto con estes traballos, o Concello tamén levou a cabo durante o verán diferentes obras de mellora. Unha das máis destacadas é a construción dunha rampla para persoas de mobilidade reducida en Pancenteo e estase rematando o peche do espazo exterior do centro. Aquí tamén se procedeu a acondicionar o baño para nenos e nenas que hai no comedor, puxéronse extintores e preparouse a instalación para unha pantalla de televisión. Ademais, os traballadores municipais arranxaron o cuarto do colgadoiro. 


 Pola súa banda, no CRA en Fornelos pintouse a aula de Primaria e en Novás arranxouse a cancela de acceso á vivenda e reparouse o chan da aula de infantil. 

 O Concello quere agradecer unha vez máis a implicación e colaboración da dirección e do persoal do CRA, que están a traballar para garantir a seguridade de nenos e nenas na volta ao cole. Fundamental tamén o labor realizado polos operarios municipais que nas últimas semanas acondicionaron todos os centros do municipio para que comezaran o novo curso con todas as medidas de prevención necesarias".

Ningún comentario:

Publicar un comentario