Medio Ambiente concede case un millón de euros a 187 concellos para elaborar os seus plans de acción fronte ao cambio climático
O obxectivo desta orde de axudas, convocada por primeira vez o pasado mes de maio, é colaborar cos municipios e entidades supramunicipais na elaboración dos seus Plans de Acción para o Clima e a Enerxía Sustentable cos que cumprir os obxectivos de mitigación e adaptación ao cambio climático
O importe concedido a cada beneficiario vén fixado en función do número de habitantes do municipio e oscila entre os 2.400 e os 18.150 euros
Foto: X.G.
Infogauda / Galicia
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de
resolver a orde de axudas dirixida a entidades locais para a elaboración
dos seus Plans de Acción para o Clima e a Enerxía Sustentable (PACES),
unha ferramenta coa que planificar e adoptar medidas que apoien a loita
contra o cambio climático desde a perspectiva local. En total, son 187
os concellos que resultaron beneficiarios desta convocatoria, publicada o
pasado mes de maio e en virtude da cal o Goberno galego repartirá
956.377,96 euros entre todos os adxudicatarios.
Trátase da
primeira vez que a Xunta establece este tipo de incentivos para apoiar
aos concellos, entidades supramunicipais e agrupacións de entidades
locais que se atopen formalmente adheridos ao Pacto das Alcaldías polo
Clima e a Enerxía no proceso de elaboración e aprobación dos seus
propios PACES.
Un plan de acción para o clima e a enerxía
sustentable consiste na elaboración dun inventario de referencia de
emisións GEI e na avaliación de riscos e vulnerabilidades ante o cambio
climático. Así, a liña de subvencións promovida pola Consellería de
Medio Ambiente, a través da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e
Cambio Climático, axudará aos beneficiarios a sufragar os traballos de
asistencia técnica para a elaboración dos mesmos.
Deste xeito, os
concellos integran á loita contra o cambio climático como unha das
variables que deben ter presente na definición das súas políticas, tanto
para reducir os gases de efecto invernadoiro e mellorar a eficiencia
enerxética, como para adaptarse ás consecuencias derivadas do quecemento
global que está a sufrir o planeta.
Cómpre lembrar que a
realización destes plans é un dos compromisos adquiridos polos concellos
galegos asinantes do Pacto das Alcaldías para o Clima e a Enerxía, onde
un dos seus compromisos é que deberán contar cun PACES no prazo de dous
anos desde a data da súa adhesión á iniciativa.
Nese sentido, a
Xunta quere apoiar ás entidades locais na realización dos mesmos con
estas axudas, cofinanciadas nun 80% polo Fondo Europeo de
Desenvolvemento Rexional (Feder) e cuxa contía varía en función da
poboación municipal.
Así, o importe das subvencións concedidas ao
abeiro desta primeira convocatoria oscila entre os 2.479,34 euros e os
18.150 euros.
Case 10.000 entidades adheridas
O Pacto das
Alcaldías polo Clima e a Enerxía foi impulsado no ano 2008 ata
converterse no maior movemento de carácter internacional para buscar
sinerxías entre distintas administracións fronte ao cambio climático,
cunha mención especial ao labor dos concellos pola súa relación directa
cos cidadáns. De feito, na actualidade conta xa co respaldo de case
10.000 entidades locais de todo o mundo.
A Xunta traballa como
coordinadora do movemento na comunidade, un papel que asumiu en 2017 coa
convicción de que os retos globais do cambio climático deben afrontarse
desde as vilas e as cidades de xeito unido e partindo da premisa
“pensar global, actuar local”.
De feito, o Pacto das Alcaldías
está a ter unha moi boa acollida entre os concellos galegos, sobre todo
desde a posta en marcha da Oficina Técnica de coordinación e
asesoramento, creada en 2018 polo Executivo autonómico e activa desde
comezos do ano pasado. Nestes momentos, son xa 224 as entidades locais
adheridas, unha cifra que segue crecendo.
A proximidade á
cidadanía que teñen os concellos convérteos nunha peza clave para
avanzar no proceso de transición enerxética que promove Europa. Por iso,
coa súa adhesión voluntaria ao movemento asumen unha serie de
compromisos, entre os que cómpre subliñar a redución das emisións de CO2
no seu territorio nun 40% ata o ano 2030, a implantación de medidas de
adaptación ao cambio climático e o aumento da súa resiliencia fronte ao
mesmo, obxectivos para os que resulta clave dotarse do seu propio PACES.
Por
este motivo, a Consellería de Medio Ambiente promoveu nos últimos meses
cursos de formación dirixidos ao persoal dos concellos adheridos ao
Pacto, ademais de elaborar unha diagnose da situación particular de cada
municipio e de convocar a primeira orde de axudas para a elaboración
dos seus plans para mitigar o cambio climático. O obxectivo é aproveitar
o actual nivel de implicación do municipalismo galego para dar un paso
máis e contribuír nos próximos meses a que os concellos adheridos
avancen para dotarse das ferramentas necesarias e poder cumprir cos
grandes retos globais en materia de cambio climático.
Por último, a Xunta de Galicia aportou un cadro coa relación de solicitudes que resultaron beneficiarias destas axudas, cuxa publicación está prevista no Diario Oficial de Galicia o 11 de setembro. Polo seu interese, facilitamos ás correspondentes aos concellos do Baixo Miño.
A GUARDA 5.989,50 €
O ROSAL 6.000,00 €
OIA 3.993,00 €
TOMIÑO 8.712,00 €
TUI 9.000,00 €
Ningún comentario:
Publicar un comentario