5 de set. de 2020

TOMIÑO

Pilar Alonso comeza a montaxe da súa intervención artística na Aula COVID de Tomiño  

O Concello transformará a Casa da Cultura nunha aula de estudo con acceso a internet para que a mocidade teña un lugar ao que acudir en caso de posibles rebrotes 

O proxecto ‘Súbeo á nube’ busca dar calidez a ese espazo creando unha nube física con todo o coñecemento gardado en papel que foi dixitalizado   

  A artista Pilar Alonso desenvolvendo seu proxecto ‘Súbeo á nube’
Fotos: C.T.


Infogauda / Tomiño

 A artista Pilar Alonso xa comezou a montaxe de ‘Súbeo á nube’, un proxecto de intervención que busca facer máis acolledora e cálida a futura Aula COVID de Tomiño. O Concello transformará a Casa da Cultura nun aula de estudo con acceso a internet para que os e as estudantes teñan un lugar axeitado e cómodo para estudar e acceder a medios telemáticos en caso de posibles rebrotes de coronavirus ou un novo confinamento. O edificio, usado antigamente como sala de cine, ten uns teitos de máis de 6 metros de altura, espazo no que Alonso creará unha nube física con todo o coñecemento gardado en papel e que foi dixitalizado e subido á nube virtual nalgún momento. 


Vista parcial da intervención ‘Súbeo á nube’


 Tras un chamamento á veciñanza a que doara as enciclopedias, libros de estudo, apuntes,..., que tiveran na casa, a artista comezou a fiar cada folla “para tecer esa nube que vai ser como un tornado de papel que sube, rizando cada papel para que a estrutura tivese un efecto de subida e fora máis aéreo”. Un traballo laborioso que permitirá crear unha nube de 40 metros cadrados por riba das bateas de iluminación do que será un espazo de encontro para a mocidade. 

 Tanto a artista como o Concello agradecen a gran resposta dada pola veciñanza, que doou numeroso material para poder levar adiante o proxecto, xa que nesta nube estarán subidas enciclopedias publicadas dende os anos 60 ata o 2005. 

 O Concello de Tomiño investirá 50.000 euros na adecuación deste espazo en Aula COVID, que complementará o servizo de medios informáticos que presta a Aula CeMit. Ademais, para garantir a saúde de todas e todos os usuarios, a aula contará con distintas medidas de seguridade, como distancia mínima entre persoas, mamparas e xel hidroalcohólico.

Ningún comentario:

Publicar un comentario