2 de set. de 2020

ECONOMÍA

Seis de cada dez persoas que están sen traballar en Galiza non perciben ningunha prestación 

· O paro volveu medrar no mes de agosto, con 1.640 persoas máis, situándose nun total de 176.951

Infogauda / Galiza

 Máis do 62% das persoas que están sen traballar en Galiza (no desemprego ou en ERTE) non perciben ningunha prestación, tal e como se desprende dos datos do SEPE que se veñen de coñecer. Das 395.709 persoas nesta situación, unicamente 150.178 ingresaban algunha prestación a finais de xullo. Segundo estes datos, o noso país rematou agosto cun total de 176.951 persoas no paro, o que supón un incremento de 1.640 con respecto ao mes anterior.


 Este aumento do paro do 0.94% de xullo a agosto contrasta coa subida do 15,04% con respecto ao mesmo período do ano anterior, o que amosa a grave crise na que se atopa inmerso o mercado laboral galego. A isto hai que sumar a mala calidade do emprego que se xenera, xa que o 92% dos 4.399 contratos subscritos en agosto foron temporais. De feito, no que vai de 2020 rexistrouse un 26,91% menos de contratos indefinidos a tempo completo que no mesmo período ano pasado. 

 Ao mesmo tempo, a falta de cobertura das persoas desempregadas afonda na vulnerabilidade dunha parte moi importante da poboación, que nestes momentos non está traballando por atoparse en ERTE ou no desemprego. Por se isto fose pouco, as persoas que superen os seis meses en ERTE verán reducida a súa prestación á metade a partir deste mes de setembro. 

 O paro volveu a medrar en agosto no noso país tras o lixeiro descenso que se rexistrara en xullo motivado pola contratación precaria vinculada ao sector servizos. As mulleres son de novo o colectivo máis afectado polo incremento do desemprego, tal e como vén acontecendo dende o inicio da pandemia. Dende entón o paro incrementouse entre as mulleres o dobre que entre os homes, tendencia que se agudizou no último mes.


Por un cambio de sistema 

 Diante deste contexto, dende a Secretaría de Emprego e Industria da CIG inciden na urxencia de derrogar a reforma laboral, pero tamén na necesidade de que como galegos e galegas teñamos capacidade para controlar os nosos recursos e poidamos desenvolver e aproveitar as nosas múltiples capacidades produtivas: enerxía, recursos minerais, riqueza forestal, sector primario, etc. “Temos que pechar os ciclos produtivos no país para poñer a economía ao servizo da maioría social, creando emprego de calidade que nos permita vivir dignamente na nosa terra”, sinala o secretario cofederal de Emprego e Industria, Fran Cartelle. 

 Nese senso, indica que é evidente que cando os nosos sectores produtivos están en mans de empresas privadas “estas adicanse a especular coa intención única de facer negocio, xerando precariedade e desigualdade”. Por iso entende que non só é preciso mudar as leis, senón que o obxectivo ten que ser cambiar o sistema económico e social. 

 “Con este Goberno español sumiso ao poder económico e cun Goberno galego que ademais de ser sumiso a ese poder é incapaz de ter un proxecto industrial e produtivo que revirta no país, o panorama de destrución de emprego e de precarización non fai máis que agudizarse”, remata. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario