O libro 'Chano Piñeiro ou a teima dun soño' réndelle homenaxe a un dos pioneiros do cine en galego
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o presidente do Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, presentárono esta mañá
O traballo, escrito por Francisco Rozados ‘Rochi’ no 25 aniversario do pasamento do cineasta, edítase no marco do Festival de Cinema OUFF
Infogauda / Ourense
O secretario xeral de Política
Lingüística, Valentín García, participou esta mañá xunto co presidente
da Deputación Provincial de Ourense, Xosé Manuel Baltar, na presentación
do libro Chano Piñeiro ou a teima dun soño (1954-1995), de Francisco
Rozados Rochi. O acto desenvolveuse na sala de prensa da Deputación e a
el acudiron tamén o autor e mais a viúva do cineasta Chano Piñeiro,
María Luz Montes.
O representante da Xunta de Galicia lembrou “o
papel sobranceiro de Chano Piñeiro no nacemento do cinema galego e en
galego, un papel que este libro contribúe con acerto a divulgar para que
as novas xeracións sigan tendo nel un referente e continúen creando no
idioma propio de Galicia”.
O volume Chano Piñeiro ou a teima dun
soño (1954-1995), de Francisco Rozados Rochi edítase no marco do
Festival de cinema OUFF que promoven a Consellería de Cultura, Educación
e Universidade, a Deputación de Ourense e a Fundación Carlos Velo.
Baixo o selo de Edicións Fervenza, este traballo sae á luz no 25
aniversario do falecemento do creador de filmes tan relevantes como
Mamasunción ou Sempre Xonxa. Está encabezado por un prólogo de Miguel
Anxo Fernández e ocúpase tanto da biografía de Chano Piñeiro como da
filmografía e da bibliografía producidas polo propio cineasta e acerca
del. O libro complétase cunhas Memorabilia que recollen imaxes de
obxectos significativos na traxectoria do autor, unha cronoloxía e un
índice de citas.
Chano Piñeiro
Luciano Manuel Piñeiro
Martínez (Forcarei, 1954 – Vigo, 1995) foi director de cine e principal
impulsor do cinema en galego nos anos 70 e 80 do pasado século. Autor de
curtas como Mamasunción ou Os paxaros morren no aire, polas que recibiu
numerosos premios, é tamén o creador de Sempre Xonxa, a primeira
longametraxe totalmente en galego e integramente rodada en Galicia,
xunto con Continental, de Xaveir Villaverde, e Urxa, de Carlos Piñeiro e
Alfredo García Pinal. No ano 1993 obtivo o Premio San Martiño de
Normalización Lingüística do Concello da Estrada e en 1995 recibiu, a
título póstumo, a Medalla de Prata de Galicia.
Francisco Rozados ‘Rochi’
O
autor do libro presentado hoxe, Francisco Rozados Rochi, é Licenciado
en Historia Contemporánea e autor de diversos traballos de divulgación
sobre Forcarei e a Terra de Montes. Ademais, foi amigo de Chano Piñeiro
desde a súa infancia en Forcarei ata a morte do cineasta. Colaborador de
distintos xornais, é tamén autor de novelas e codirixiu o documental
Mamasunción volve ó correo. Foi galardoado con premios como o Camilo
José Cela de Narrativa, o Reimóndez Portela e xornalismo, o Concello de
Marín e o Ánxel Fole de Narración Curta ou o Xoán de Cangas de Novela
Curta.
Ningún comentario:
Publicar un comentario