A programación cultural da Deputación de Pontevedra inclúe esta semana música, narrativa, Roteiros literarios e Rutas de arquitectura
A institución provincial desenvolverá ata o domingo actividades nos concellos de Soutomaior, Baiona, Vilagarcía, As Neves e Cerdedo-Cotobade
Infogauda / Pontevedra
A Deputación de Pontevedra continúa a súa aposta pola reactivación
cultural na provincia e nesta semana ten programadas cinco novas
actividades, que inclúen ata o próximo domingo tres actuacións musicais
amais dos Roteiros Literarios e as Rutas de Arquitectura. A programación
chegará deste xeito aos concellos de Soutomaior, Baiona, Vilagarcía, As
Neves e Cerdedo-Cotobade.
Este xoves 17 de setembro o programa
"Re-acción nos castelos" despídese coa última das actuacións previstas a
cargo de Vero Rilo e Sonsoles Penadique, con todas as prazas esgotadas.
Porán en escena o seu espectáculo "O pozo das señoras" no Castelo de
Soutomaior a partir das 19 horas (en caso de choiva, a actuación
celebrarase na carpa interior do recinto). As dúas artistas falarán de
historias sorprendentes protagonizadas por mulleres e fiadas por
pequenas correntes de auga e emocións, contadas por Vero Rilo e
acompañadas da música de Sonsoles Penadique.
Doutra banda, o
programa "Música no Ar" inclúe esta semana dous concertos en Baiona e As
Neves. En concreto, Baiona acollerá este venres 18 a actuación do
Cuarteto de Corda da Orquestra 430 de Vigo, que terá lugar ás 19 horas
nos Xardíns do Arquivo Histórico e Biblioteca Pública (trasladarase en
caso de choiva ao Auditorio V Centenario), mentres que no concello de As
Neves intervirá o sábado 19 a Sección de Percusión da Orquestra Clásica
de Vigo, ás 19 horas, na Área Recreativa de Santa (na nova Casa de
Música se chove).
Polo demais, o sábado 19 terá lugar o Roteiro
de Arquitectura polo Salnés, guiado pola doutora en Historia da Arte
Paula Pita. Hai que lembrar que este programa de rutas, que a
institución provincial organiza xunto á Academia Galega de Belas Artes,
ofrece ás e aos participantes a posibilidade de achegarse ao arte
barroco da provincia a través de monumentos e construcións emblemáticas.
Neste paseo, que arrancará no Pazo de Rubiáns en Vilagarcía (10 horas),
as persoas visitarán tamén o templo parroquial de Santiago do Carril e o
Pazo de Fefiñáns en Cambados.
Finalmente, o domingo 20 de
setembro celebrarase o segundo dos Roteiros Literarios que a Deputación
organiza en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en
Lingua Galega (AELG). Neste caso, o profesor Calros Solla guiará esta
ruta literaria e etnográfica que esta fin de semana se achega ao
concello de Cerdedo-Cotobade, con punto de partida na praza da Igrexa de
Cerdedo ás 11 horas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario