Liberdade e compromiso: Xaime Quessada
O Museo de Pontevedra acollerá desde o 24 de setembro ao 10 de xaneiro a súa primeira monografía antolóxica sobre o autor ourensán
Unha das obras de Xaime Quessada que estará exposta no Museo de Pontevedra
Foto: D.PO.
Foto: D.PO.
Infogauda / Pontevedra
O Sexto Edificio do Museo de Pontevedra
acollerá desde o vindeiro 24 de setembro ao 10 de xaneiro de 2021 a súa
primeira monografía antolóxica sobre o artista ourensán Xaime Quessada.
Esta exposición, a última grande prevista polo Museo para este ano, é
unha mostra comisariada por Pilar Corredoira na que exhibirán máis de
medio cento de obras realizadas ao longo de cinco décadas de actividade
creadora e na que se reflicten dúas das características máis outorgadas
ao autor: liberdade creativa e compromiso social.
Segundo
explica o director do Museo, Xosé Manuel Rey, esta mostra terá unha
grande significación e importancia dentro da traxectoria expositiva do
Museo de Pontevedra, xa que ademais de ser monográfica e antolóxica dun
pintor chave na historia artística galega, con ela estréase a nova imaxe
corporativa da institución pontevedresa presentada publicamente o
pasado mes de xullo.
A idea da `expo' é ofrecer un percorrido
coherente e unha "lectura nítida e enriquecedora" do autor. Dentro do
itinerario proposto móstranse aquelas obras temperás, de finais dos anos
cincuenta; as da década dos sesenta que xa revelan o artista
batallador, viaxeiro e culto, e a elas engádenselles novas creacións que
irán definindo as transformacións estilísticas e temáticas que teñen
lugar nos anos seguintes, á vez que se afianza a súa linguaxe.
Veranse os traballos de Quessada arredor da tradición española, o pop
art, o clasicismo, a figuración esquemática, o cubismo e poscubismo; as
series da música e danza e o que el denominara a "metamorfose dos
estilos" aplicada ás composicións paisaxísticas, ás escenas de
interiores e de figuras.
Tamén se porán de manifesto os
conflitos que marcaron a historia recente do mundo e que o artista viviu
con grande intensidade deixando a pegada desas impresións na súa obra.
Asuntos de extrema gravidade que lle afectaron á sociedade global nos
últimos cincuenta anos –como a IIGM, Vietnam, Kosovo, Ruanda, Timor,
Chechenia, Etiopía, o 11S e Afganistán…–, narrados desde unha particular
visión crítica e áspera, non exenta de sensibilidade.
Por outra
banda, incidirase en que unha cuestión salientable na obra de Quessada é
Galicia, unha terra natal que estará sempre presente no ánimo do
artista e formará parte dos seus anhelos desde o principio da súa
carreira.
A selección de obras –comisariada por
Pilar Corredoira– procede de museos, coleccións institucionais,
públicas e privadas, así como da fundación que leva o seu nome: MNCARS
(Madrid), Museo de Belas Artes da Coruña, Museo Municipal de Ourense,
Museo Municipal Quiñones de León (Vigo), Centro Galego de Arte
Contemporánea (CGAC), Parlamento de Galicia, Colección Abanca (A
Coruña), Colección Afundación (Vigo), Fundación Xaime Quesada Blanco
(Ourense) e Universidade de Santiago de Compostela.
Entre as obras seleccionadas sinalamos as seguintes: Estío (1959), El dictador (1961), A pombiña (1963), El laberinto español (1964), Al alba (1960-1970) Camboya (1967), Tensión (1971), Esfola na ponte das Pías (1972), Pop Fiction (1973), En Galicia un día (1973), El dragón (1979), Érguete Galicia (1975), Jaime (1982), Concepto de espacio (1985), O soño (1989), El ensayo (1991), El perro azul (1995-1997), A música I (1997), Las torres gemelas (2002) e El laberinto español (2003).
Ningún comentario:
Publicar un comentario