10 de set. de 2020

CULTURA

Teatro, música e literatura na programación cultural da Deputación de Pontevedra desta fin de semana  

A institución desenvolverá ata o domingo catro accións culturais nos concellos de Mondariz, Forcarei, Salceda de Caselas e Vilagarcía de Arousa


Infogauda / Pontevedra

 Literatura, teatro e música integran as catro actividades culturais que desenvolverá a Deputación de Pontevedra esta próxima fin de semana, do venres 11 ata o domingo 13 de setembro. A institución provincial, que segue coa súa forte aposta polas industrias creativas e culturais, ten programados concertos nos concellos de Forcarei e Salceda de Caselas, así como teatro no castelo de Sobroso e un Roteiro Literario en Vilagarcía de Arousa.  

 Será o domingo cando terá lugar o segundo dos Roteiros Literarios da Deputación xunto á AELG, que nesta ocasión se desenvolverá en Vilagarcía de Arousa. O escritor Marcos Calveiro conducirá este paseo por escenarios vinculados á súa obra O xardineiro dos ingleses, que partirá do cemiterio dos Ingleses, ás 11:30 horas.  

 Doutra banda, a programación de "Re-Acción nos castelos!" inclúe este venres 11 de setembro a actuación da compañía Os Quinquilláns no castelo de Sobroso, ás 19:00 horas. O grupo porá en escena o espectáculo teatral A traizón de Sobroso, unha obra adaptada á localización e á historia do castelo e a súa montaxe, construída desde distintos números cómicos que repasan a traxectoria deste emblemático monumento. O público é tratado en todo o momento como partícipe da historia, como se foran irmandiños do século XV.  

 E no que atinxe á música, están programados dous concertos. O primeiro, no marco da programación "Música no ar", o protagonizará o sábado 12 o Cuarteto de Corda da Orquestra 430 de Vigo no mosteiro de Aciveiro, en Forcarei, ás 19:00 horas. Ese mesmo día o grupo Leilía ofrecerá unha actuación na praza do Concello de Salceda de Caselas, ás 22:30 horas, dentro da programación de "Musigal".

Ningún comentario:

Publicar un comentario