16 de set. de 2020

A GUARDA

Inicio do curso escolar no Conservatorio Elemental de Música 

Con novos protocolos polo Covid-19

    Mosaico de imaxes de actividades previas ao comezo do curso escolar 2020/2021
Foto: C.A.G.


Infogauda / A Guarda

 O Conservatorio Elemental de Música de A Guarda arrancou este mércores o seu curso escolar 2020-2021 con todos os protocolos e as medidas sanitarias marcadas dende a Xunta de Galicia para garantir a seguridade dos alumnos e alumnas deste centro.  

 O alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz e a tenente de alcalde, Mª Montserrat Magallanes Álvarez, visitaron as instalacións e mantiveron diversas xuntanzas co equipo directivo e profesorado para valorar e por a disposición todos os recursos necesarios para o cumprimento de todas as medidas sanitarias neste recinto, onde se tiveron que facer algunhas melloras, instalación de sinais, carteis, cambios de aulas, disposición de hidroxel, entre outras. Dende o Concello trasladóuselle ao director que se reforzará a desinfección no inmoble. Así mesmo o director do centro explicou a nova distribución de espazos para cumprir coas distancias de seguridade.  

Protocolos para o inicio do Curso escolar nos centros educativos  

 Así mesmo, o alcalde, Antonio Lomba Baz, acompañado polas concelleiras Mª Montserrat Magallanes Álvarez e Fátima Rodríguez Marcos reuníronse o pasado 25 de agosto cos directores dos centros de ensino públicos da localidade. Na reunión trasladóuselle a todos os directores a colaboración do concello e o reforzo na desinfección dos espazos escolares durante as xornadas lectivas. Os directores expuxeron as diferentes medidas Covid a implementar coa chegada do curso escolar. Entre as conclusións da xuntanza falouse da problemática do IES A Sangriña no que respecta a falta de espazos para cumprir os protocolos. 

 Asemade, o alcalde visitou a Escola Infantil municipal o día 1 de setembro para coñecer de primeira man as medidas establecidas pola empresa que xestiona a Escola para cumprir cos protocolos sanitarios, hidroxel, separación das aulas, sinalizacións, medidas de distanciamento nos accesos, requisitos para o almorzo ou merenda, etc. Esa mesma tarde celebrouse unha reunión coas familias, onde a directora, acompañada polo alcalde, Antonio Lomba, explicou polo miúdo o protocolo Covid-19 e se puideron resolver as dúbidas dos asistentes.  

 Durante o arranque do curso escolar mantivéronse contactos con todos o centros educativos para coñecer de primeira man como se estaba iniciando o curso escolar e atender da maneira máis rápida e áxil aquelas necesidades que se percibiron nestes primeiros días.  

 Durante a tarde do pasado venres día 11 de setembro celebrouse unha reunión no Centro de Saúde da Guarda entre o responsable do Covid-19, os directores dos centros educativos da localidade e os representantes das AMPAS, para clarexar dúbidas e comentar o protocolo no caso da aparición de síntomas durante as xornadas escolares.  

 Desde o Equipo de Goberno Municipal relembran "que é responsabilidade de todos os veciños e veciñas previr posibles brotes Covid. A día de hoxe hai un importante número de casos positivos para un concello do noso tamaño. É necesario manter o uso da mascarilla e extremar a hixiene de mans e o mantemento da distancia social, sobre todo tendo en conta que co comezo da actividade escolar aparecen novos factores de risco. Dende o concello queremos trasladarlle ás familias que reforcen as medidas de precaución cos cativos, prestando especial atención a aparición de febre ou tose".

Ningún comentario:

Publicar un comentario