16 de set. de 2020

A GUARDA

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Guarda acusa a Xunta de Galiza de irresponsabilidade 

Pola falta de persoal no Centro de saúde

Vista parcial da veciñanza e profesionais da sanidade pública nunha das concentracións desenvolvidas diante do Centro de Saúde de A Guarda
Foto: Arquivo 


Infogauda / A Guarda

 Na mañá deste mércores día 16 de setembro de 2020, recibimos na Redacción deste xornal dixital transfronteirizo o seguinte comunicado:
 
 "A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Guarda vimos denunciando desde fai meses a falta de persoal sanitario. Na actualidade o Centro de Saúde da Guarda dispón unicamente de 4 médic@s (ás veces menos) dunha plantilla de 8. Outro tanto ocorre co persoal de enfermería que só dispón do 40% dos efectivos que corresponde a este servizo. Está situación que nunca pode ser aceptábel, neste momento que vivimos, coa pandemia do coronavirus sen superar, transfórmase nunha auténtica irresponsabilidade por parte das autoridades da Xunta de Galiza.  

 A  falta de persoal sanitario está xerando unha sobrecarga de traballo aos profesionais do centro de saúde  que provoca  unha atención aos pacientes deficitaria con moitos  días de espera  para poder ter unha consulta.  

 Desde a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Guarda somos plenamente conscientes que estamos diante dun deterioro moi grave dun servizo público esencial para a poboación como é a sanidade.  

 Compartimos o enfado da sociedade guardesa diante desta situación e pedímoslle que dirixa as críticas contra o verdadeiro responsábel, a Consellería de Sanidade da Xunta de Galiza.  

 Sería absolutamente erróneo orientar a nosa indignación contra os traballadores e traballadoras  da sanidade. Os traballadores e traballadoras son víctimas igual que os usuarios,  dun proceso de recortes na sanidade pública galega levada adiante pola Xunta de Galiza nos últimos anos e deben ser os nosos aliados na defensa e na reivindicación dunha sanidade pública galega de calidade.  

 A plataforma desconvoca a concentración que tiñamos previsto realizar este xoves 17 de setembro por mor do estado epidemiolóxico da Guarda. Cando a situación o permita temos previsto realizar unha grande mobilización   para denunciar a situación que vivimos e para esixir da Xunta de Galiza o persoal necesario para que o centro de saúde funcione dentro duns parámetros de calidade aceptabeis. Agardamos a resposta positiva  de todos e todas vós".

Ningún comentario:

Publicar un comentario