Infogauda / A Guarda
O Equipo de Goberno Municipal vén de facer público un comunicado polo cal informa á cidadanía da situación epidemiolóxica relacionada coa Covid-19 nesta localidade, nos seguintes termos:
"O xoves 3 de setembro varias traballadoras do concello da Guarda fixeron a proba do PCR dando positivo por coronavirus. As traballadoras afectadas conforman un grupo que traballa formando unha burbulla e sen contacto estreito con outros traballadores. No día de hoxe, Sanidade comezará a facer probas de PCR aos familiares destas traballadoras así como ás persoas coas que tiveron contacto estreito.
Así mesmo, o concello da Guarda mantivo este xoves unha reunión do Comité de Prevención e Saúde e trasladou a información ao servizo de prevención do concello, activando os protocolos e medidas de prevención correspondentes. Do mesmo xeito se mantivo informados aos portavoces dos grupos políticos do concello da Guarda.
Os afectados por coronavirus na localidade ascenden a 15 persoas asociadas a tres brotes familiares. Destacar que todos os profesores e o resto de nenas/os da ludoteca deron negativo por PCR do mesmo xeito que tamén deron negativo todos os traballadores e usuarios da residencia de maiores Monte Tecla.
Dende o concello tamén queremos transmitir unha mensaxe de tranquilidade á poboación en xeral indicando que se está facendo o necesario para rastrexar e controlar os brotes. Temos que ser conscientes da nosa vulnerabilidade, o virus está aí e debemos tomar as medidas de prevención recomendadas para evitar o seu espallamento: distancia social, hixiene de mans e uso da mascarilla".
Ningún comentario:
Publicar un comentario