19 de set. de 2020

PONTEVEDRA

Expertas galegas en ciberseguridade urxen a capacitar dixitalmente ás familias ante os riscos de internet  

Nunha palestra na que participaron seis hackers éticas que traballan en distintos campos da ciberseguridade no noso país, todas coincidiron na urxencia de ensinar á sociedade a coidar a súa privacidade. 

Tamén avisan de que a fenda dixital pode causar no curto prazo graves discriminacións sociais. A primeira edición dixital do Pont-Up Store clausurouse este mediodía despois de tres días de actividades formativas en liña que foron seguidas por máis de 12 mil persoas e que seguirán dispoñibles na web e as redes do encontro. 

  


Marián Fernández Álvarez / Pontevedra

 A sesión, moderada por Ramón Suárez, CEO de iVigo Business Space,  abriuse derrubando os falsos estereotipos sobre o perfil das persoas que se dedican a traballar en entornos tecnolóxicos e que acaba por xerar un déficit de mulleres nas disciplinas relacionadas co mundo das telecomunicacións e outras carreiras tecnolóxicas. A este respecto, Susana Rey, enxeñeira de telecomunicacións, experta en Ciberseguridade e delegada de Protección de Datos (DPO) no Grupo Euskaltel, Virgin Telco, R e Telecable, asegura que “os estereotipos de xénero son roles que transmitimos ás crianzas e que acaban por limitar non só as expectativas das nenas, senón as de toda a sociedade, porque necesitamos equipos o máis diversos posible e se perdemos a visión dun 50% do mundo, quedámonos a un 50% de facelo ben”. Neste mesmo sentido, bromeu engadindo que “necesitamos que as nenas xoguen con princesiñas hackers”.  

 Na palestra tamén se abordou o propio estereotipo da ‘hacker’ para explicar que se trata de profesionais que, ao contrario do que a maioría da poboación imaxina, non son piratas informáticas, senón expertas no manexo de computadoras, que se ocupan poñer a proba os sistemas informáticos das empresas emulando o ataque de ciberdelincuentes para encontrar fallos de seguridade que podan supoñer unha amenaza e acompañalos para resolvelos. A este respecto, Olalla Sánchez, enxeñeira Teleco, hacker ética e consultora de ciberseguridade, advertiu de que “nunha sociedade cada vez máis conectada e con millóns de móbiles activos, o cibermundo volveuse máis inseguro ca nunca”. Entre as múltiples ameazas que podemos sufrir, Sánchez destacou os fraudes online e explicou que “poderían reducirse en grande parte fomentando a concienciación e a formación das persoas usuarias, un tema de vital importancia para un futuro que xa está aquí e que se vai acelerar aínda máis a causa dos efectos da pandemia”.  

 Pilar Vila, enxeñeira informática, CEO cofundadora de Forensic & Security, opina que “é certo que as organizacións son cada vez máis conscientes da necesidade de invertir en ciberseguridade, pero non é suficiente; hai que investir máis en formar ás personas que integran os equipos”. Na palestra lembrouse que todo dispositivo conectado a unha rede é vulnerable, e a mellor forma de protexerse frente aos ciberataques é seguir unhas mínimas normas de funcionamento dixital que a maioría da poboación descoñece ou non practica. Sobre este problema, Susana Rey advertiu de que “temos unha xeración de orfos dixitais –en referencia á poboación máis nova- que se están introducindo no ciberespazo sen que ninguén saiba ensinarlles as normas básicas”. Olalla Sánchez, engadiu que “nenas e nenos teñen que estar guiados e vixiados, igual que non os deixamos sós na rúa, tampouco podemos deixar que vaian sós por internet, e formalos no tema da privacidade é fundamental”. Sobre a privacidade, Sánchez tamén remarcou que “publicamos cousas que nos parecen irelevantes, pero que poden ser usadas na nosa contra para facernos dano”.  

 Pola súa parte, Sara Suárez Gonzalo, investigadora  en Big Data, privacidade e intelixencia artificial e algoritmia, usou o termo ‘civismo dixital’ para referirse á necesidade de que a sociedade aprenda a comportarse en internet; e asegurou que “é necesario fomentar a participación de toda a sociedade na creación e mellora da tecnoloxía, que non pode quedar en mans dunhas poucas persoas expertas”. Neste mesmo sentido, Pilar Vila advertiu de que “se non empezamos a educar en competencias dixitais, vamos asistir a unha sociedade en pouco tempo a discriminacións sociais moi fortes para as persoas que queden fóra dun mundo que cada día nos vai esixir máis manexo de tecnoloxía”.  

 Por úlimo, falouse dos perfís profesionais e o emprendemento nesta disciplina. Lilian Adkinson, enxeñeira Teleco e responsable de Analítica en Seguridade e Privacidade en Gradiant, explicou que "a demanda destes perfís é maior cada día, pero que está resultando difícil encontrar profesionais con formación específica para incorporalos ás empresas e aos equipos de investigación, sobre todo en Europa". Neste momento, según aclarou Pilar Vila “os 4 ou 5 xigantes que manexan o mercado do big data e que fan parte do denominado capitalismo da videovixilancia, están en Estados Unidos, o que supón unha importante preocupación para a Unión Europea”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario