18 de ago. de 2020

TOMIÑO

TOMIÑO INICIA O REPARTO DOS COMPOSTEIROS INDIVIDUAIS DO PLAN REVITALIZA DA DEPUTACIÓN  

Persoal técnico da Deputación de Pontevedra realizará mañá mércores ás 10.30h unha charla de formación no Pavillón da Carballa  

A carpa Revitaliza xa estivo en Tomiño informando á veciñanza

Infogauda / Tomiño

 O Plan Revitaliza de compostaxe vai dar o pistoletazo de saída ao reparto de composteiros individuais (COIN) no concello de Tomiño. Mañá mércores día 19 de agosto, entregaranse os primeiros recipientes a 30 familias da vila, estando convocadas outras tantas 30 persoas para recibir unha charla de formación sobre a compostaxe de residuos orgánicos e recibir despois o composteiro.   

 A cita será ás 10.30 horas no Pavillón da Carballa, coa presenza da alcaldesa Sandra González, e realizarase seguindo todas as medidas de prevención sanitarias necesarias: haberá cadeiras ben separadas, entrada e saída independiente, xel hidroalcólico e obriga de levar máscara. Proxectarase nunha pantalla unha pequena presentación explicativa e á saída entregarase o COIN, un aireador, un termómetro e un manual de compostaxe.   

 O reparto continuará o vindeiro xoves 27, cando se entregarán outros 30 COIN. As persoas que os recibirán serán as que se inscribiran a raíz dunha solicitude de subvención do PIMA que resultou fallida para o concello. Posteriormente e grazas á subvención da Deputación de Pontevedra, realizaranse novos repartos, chegando a entregar ata uns 3.000 COIN, instalar uns 14 Composteiros Comunitarios (CCC) ademáis dos dous existentes, mercar un camión grúa, microtrituradoras para deixar en empréstito á veciñanza e instalar algún punto verde para a recollida de poda.  

 O persoal técnico explicará en que consiste o Plan Revitaliza da Deputación, como se composta, e algunhas cuestións prácticas como a importancia ubicar ben o composteiro, de achegar suficiente estruturante para misturar cos biorresiduos, e tamén de remexer periódicamente o material para airealo. Contestaranse algunhas dúbidas sobre que se pode botar no composteiro (todos os restos de comida crúa ou cociñada e vexetais).

Ningún comentario:

Publicar un comentario