17 de ago. de 2020

GOIÁN (TOMIÑO)

Na súa 8ª edición, o Certame de pintura ao aire libre Antonio Fernández, tivo inspiracións netamente femininas

· Un total de 38 participantes (32 adultos e 6 menores) presentáronse a concurso, elixindo para pintar diferentes recunchos da vila goianesa e da súa veciña lusa  

 

A alcaldesa de Tomiño e demáis membros do xurado, coas artistas premiadas, da categoría adultos

Infogauda / Goián

 Cinco mulleres fixéronse cos premios do VIII Certame de pintura ao aire libre Antonio Fernández, celebrado onte en Goián (Tomiño) e Vila Nova de Cerveira e organizado pola Eurocidade Cerveira-Tomiño. 

 O primeiro premio foi para Mª Paz Larrumbide Moreno, procedente do País Vasco. Veciña de Vitoria, Larrumbide (gañadora tamén da sexta edición do certame) pasa as súas vacacións en Baiona, facéndoas coincidir co evento artístico. Ex-viceconselleira de Vivenda no Goberno Vasco, dedícase á pintura de forma amadora dende hai tan só seis anos.  

 Nieves Castro Lara e Dorinda Garrido González foron as gañadoras do segundo e terceiro premio, respectivamente. A primeira, veciña de Betanzos (A Coruña) e a segunda, de Nigrán (Pontevedra).  

 Na categoría infantil, que se convocaba por primeira vez, o primeiro premio foi para Uxía Soto Costas, e o segundo para Ángela Martín Bragado (9 anos, veciña de Beade. Vigo).

 Un total de 38 participantes (32 adultos e 6 menores) presentáronse a concurso, elixindo diversos recunchos da vila goianesa e da súa veciña lusa. A procedencia dos artistas foi coma sempre, moi variada, presentándose xente da zona, pero tamén doutros puntos de Galicia, España e do estranxeiro, incluído Portugal. O tempo acompañou, xa que as previsións de chuvia agardaron até as cinco da tarde, cando a maioría tiña xa a súa obra rematada.  

 A entrega de premios e exposición dos cadros, prevista no interior da Fortaleza de San Lourenzo, fíxose finalmente no pavillón deportivo de Goián, sobre as sete da tarde e o acto estivo presidido pola alcaldesa de Tomiño, Sandra González, quen salientou o nivel acadado polo certame, tanto a nivel artístico, coma de participación. Estiveron presentes tamén as concelleiras de Eurocidade (Fátima Rodríguez) e de Cultura de Vila Nova de Cerveira (Aurora Viaes).  

 O xurado, que estivo composto por persoas do mundo da pintura, salientou tamén a constante evolución do certame que consideran totalmente consolidado.

 Os traballos presentados ao certame exporanse dende mañá e até o domingo próximo no Centro Goianés (de 12.00 a 21.00 horas), pasando a semana seguinte á Bienal de Cerveira, onde estarán ao longo de sete días. 

Membros xurado adultos e infantil-xuvenil

 Xurado adultos: Sandra González (alcaldesa de Tomiño), Alfonso Freire (Espacio Cubo), Aurora Viâes (vereadora de Cultura de Vila Nova de Cerveira, Henrique do Val (artista portugués), Mané Villa (Asociación Antonio Fernández), Elena Alonso (Comunidade de Montes Veciñais en Man Comun de Goián)  

 Xurado infantil-xuvenil: Pilar Alonso (artista viguesa, afincada en Tomiño), Magna Araujo (vicepresidenta da Asociaçâo de Estudantes da Escola EB2/3 de Vila Nova de Cerveira), Fernanda Araujo (artista portuguesa), Carmen (representante do Consello da Infancia e da Adolescencia de Tomiño), e Fátima Rodríguez (concelleira de Eurocidade e Mocidade de Tomiño).

Ningún comentario:

Publicar un comentario