28 de ago. de 2020

PONTEVEDRA

A Deputación de Pontevedra inxecta outros 6 millóns de euros aos concellos para infraestruturas, emprego e actuacións de desenvolvemento sostible  

As achegas financiarán investimentos do Plan Concellos, os contratos en prácticas de máis de 100 persoas co "O teu primeiro emprego" e a renovación sustentable da iluminación exterior nos municipios

A presidenta da Deputación de Pontevedra, na rolda de prensa desta mañá
Foto: D.PO.

Infogauda / Pontevedra

  A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou hoxe novos investimentos para os concellos da provincia por case seis millóns de euros (5.916.722,25€). Da citada cantidade, 2,2 millóns corresponden a achegas do Plan Concellos, 654.600 euros son para a contratación de 111 persoas no marco do programa de fomento de empregabilidade "O teu primeiro emprego" nos concellos, e os 3 millóns restantes permitirán a 43 municipios realizar obras de renovación sostible das instalacións de iluminación exterior ao abeiro das convocatorias do Ministerio para a Transición Ecolóxica a través do IDAE.

  No que atinxe ao Plan Concellos, a presidenta Carmela Silva informou que as achegas da Liña 1 de Investimentos, de 1,8 millóns de euros, permitirán aos municipios de Baiona, O Grove, Tomiño, Vilagarcía, Vila de Cruces, Meaño, Moaña e Sanxenxo levar a cabo distintas obras de mellora de firmes, pavimentación de viarios, saneamento, humanizacións, renovación do alumeado público e proxectos de urbanización entre outros. Deste xeito, destínanse 109.589,29 euros a Baiona para financiar a pavimentación da zona dos Tendais, outros 105.918,44 euros serán para que O Grove realice a humanización do contorno do Sineiro (Fase I), Tomiño contará con 140.006,3 euros para a mellora da rede de saneamento no entorno de Vilachán, Vilagarcía de Arousa recibirá 230.384 euros para a humanización da rúa Camilo José Cela e Vila de Cruces disporá de 178.258,95 euros para a renovación das instilacións de alumeado público coa redución de emisións de CO2. Pola súa banda, Meaño contará con dúas achegas dun total de 357.333 euros para a ampliación e pavimentación dos camiños de Vilaxuega e Abuín, e Moaña recibirá outras dúas achegas valoradas en 419.576,79 euros para o proxecto de urbanización Polígono 11 e para a mellora do parque infantil da praia no termo municipal de Moaña. Así mesmo, para Sanxenxo aprobouse unha subvención de 216.272,98 euros para a mellora do viario de acceso á capela de O Santo, en Nantes.

  Amais, a Xunta de Goberno aprobou unha nova relación de subvencións ao abeiro da Liña 2 do Plan, por importe de 241.703,82 euros, coas que os concellos de Cambados, Gondomar, O Grove, Nigrán, Poio, Ponteareas, Redondela e Soutomaior poderán realizar tarefas de limpeza e mantemento de distintos servizos municipais  e tamén financiar actividades de índole cultural e deportiva. No caso de Soutomaior abordará con esta achega os pagos de facturas e outros gastos derivados da crise da Covid-19. Por último, no que se refire á Liña 3 de Emprego, a Deputación aprobou a modificación, por reaxustes da Covid-19, dunha achega de 208.613,88 euros para que o Concello de Cerdedo-Cotobade poida contratar a un total de 24 traballadores e traballadoras.
 
"O teu primeiro emprego" nos concellos

  Carmela Silva tamén deu conta da aprobación da relación de concellos seleccionados para participar en "O teu primeiro emprego 2020". En concreto, son 44 concellos nos que realizarán prácticas 111 titulados/as, 73 contratos destinados a persoas con titulación universitaria e 38 para persoas tituladas en ciclos superiores de FP. A contía total da subvención da Deputación para estes contratos é de 654.600 euros.

  Os perfís que en maior medida solicitaron os concellos foron o de diplomatura ou grao en Xestión e Administración Pública e diplomatura ou grao en Traballo Social, no caso das persoas universitarias; e no caso de FP, buscan sobre todo persoas tituladas nos ciclos superiores de Administración e Finanzas, e Guía, Información e Asistencias Turísticas. Os concellos seleccionados son: Barro, Bueu, Caldas, Campo Lameiro, Cangas, A Cañiza, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Crecente, Cuntis, A Estrada, Forcarei, O Grove, A Guarda, A Illa de Arousa, A Lama, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Mondariz-Balneario, Moraña, As Neves, Nigrán, Pazos de Borbén, Ponteareas, Pontecesures, O Porriño, Portas, Redondela, Ribadumia, Rodeiro, O Rosal, Salvaterra de Miño, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui, Valga, Vila de Cruces, Vilagarcía de Arousa e  Vilanova de Arousa.
 
Renovación iluminación sustentable

  Por último, a Xunta de Goberno vén de aprobar o expediente de contratación para a adxudicación das "Obras de renovación das instalacións de iluminación exterior", cun orzamento de 3.054.462,15 euros. Estas obras, que contan co financiamento a través dos fondos FEDER de crecemento sostible 2014-2020, favorecerán o paso a unha economía baixa en carbono. A actuación comprende a renovación do alumeado público exterior nos concellos mediante a substitución das luminarias actuais por outras LED máis eficientes.

  As obras divídense en cinco lotes e abranguen 43 concellos da provincia: Barro, Caldas de Reis, Cambados, A Guarda, Meis, Nigrán, Portas, Rodeiro, Salvaterra de Miño, Tui no lote 1; Arbo, Covelo, Crecente, Meaño, As Neves, Oia, Poio, Pontecesures, Porriño, Silleda, Tomiño e Vilanova de Arousa no lote 2; Baiona, Cuntis, Fornelos de Montes, O Grove, A Illa de Arousa, Moaña, Mondariz, Moraña, Mos, Pazos de Borbén, O Rosal e Soutomaior no lote 3; e Bueu, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Dozón, Gondomar, A Lama, Mondariz-Balneario, Salceda de Caselas e Valga no lote 4. No lote 5 inclúense proxectos de alumeado nos Bens de Interese Cultural (BIC) dos concellos de Baiona, Caldas de Reis, A Guarda, Meis, Poio, Salvaterra de Miño e Vilanova de Arousa. Nestes sete concellos actuarase en 370 puntos de luz para mellorar o alumeado dos BIC, o que supoñerá un aforro enerxético medio do 81,14%.

Ningún comentario:

Publicar un comentario