28 de ago. de 2020

DEPORTES

Galicia permite o deporte con contacto para os seus mellores deportistas, os que teñen máis necesidades e os equipos que poidan sufrir prexuízo pola situación noutras comunidades  

Os protocolos dos eventos deportivos deberán axustarse, con carácter mínimo, aos requirimentos que sexan de aplicación á concreta modalidade deportiva segundo o establecido no protocolo FISICOVID-DXTGALEGO

Infogauda / Galicia

  O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a Orde do 27 de agosto de 2020 sobre modificación de determinadas medidas previstas no Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade.

 Deste xeito, engádense dúas modificacións do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, relativas á práctica deportiva. No primeiro caso, a partir do día de hoxe, permítese o contacto físico na práctica da actividade deportiva federada para os mellores deportistas de Galicia -deportistas galegos de alto nivel e deportistas de alto nivel recoñecidos polo Consello Superior de Deportes clasificados para Tokio 2020 ou que se encontren en proceso de clasificación-; os deportistas con maiores necesidades -deportistas de especialidades deportivas adaptadas individuais con guías ou persoas de apoio-; e os equipos que poidan padecer prexuízos pola situación noutras comunidades -equipos galegos que participen en competicións deportivas oficiais non profesionais de ámbito estatal con previsión de inicio da competición, salvo que o protocolo da federación española respectiva estableza outra cousa-.


 No primeiro caso, relativo aos deportistas de alto nivel, os adestramentos deberán celebrarse en grupos estables, permitíndose a participación necesaria de sparrings, e suxeitos a medidas de protección específicas que serán comunicadas á autoridade deportiva autonómica para o seu coñecemento e supervisión. No segundo caso, para os deportistas de especialidades adaptadas, os adestramentos estarán suxeitos a medidas de protección específicas que serán comunicadas á autoridade deportiva autonómica para o seu coñecemento e supervisión, e sempre realizados en grupos estables de adestramento. E no terceiro caso, no dos equipos que participan en competicións non profesionais de ámbito estatal, a práctica de adestramentos e a competición deberá realizarse en grupos de composición estable e suxeitarse a un protocolo en que se teñan en conta medidas de protección específicas. Este protocolo deberá ser presentado para a súa aprobación ás autoridades deportivas e sanitarias de Galicia con carácter previo ao inicio das actividades.

 Cómpre salientar que a celebración de competicións oficiais non profesionais de ámbito estatal en Galicia axustarase ao protocolo da respectiva federación deportiva española segundo o disposto no punto III do Protocolo básico de actuación para a volta aos adestramentos e o reinicio das competicións federadas e profesionais aprobado polo Consello Superior de Deportes pola Resolución do 4 de maio de 2020 (BOE do 6 de maio). Para o suposto de que as federacións deportivas españolas consideren necesario realizar adaptacións do Protocolo básico para as competicións que se desenvolvan no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, deberán contar coa autorización expresa das autoridades sanitarias e deportivas autonómicas, naqueles casos en que non dispoñan da aprobación previa do Consello Superior de Deportes.

FISICOVID-DXTGALEGO

 A segunda modificación establecida apunta que os protocolos dos eventos deportivos, elaborados baixo a responsabilidade dos organizadores dos eventos, deberán axustarse, con carácter mínimo, aos requirimentos que sexan de aplicación á concreta modalidade deportiva segundo o establecido nos protocolos aprobados consonte a Resolución do 15 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se aproba o protocolo FISICOVID-DXTGALEGO, polo que se establecen as medidas para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 no ámbito do deporte federado de Galicia (DOG do 19 de xuño).

 Para estes efectos, as autoridades competentes, naqueles eventos que se desenvolvan en máis dun termo municipal da Comunidade Autónoma, darán traslado do protocolo específico á autoridade deportiva para o seu coñecemento e supervisión.

Ningún comentario:

Publicar un comentario