A Deputación de Pontevedra abre o prazo de inscrición da quinta ruta ornitolóxica "Voando nas Rías Baixas"
A Serra do Suído, nos concellos da Lama, Fornelos e Covelo, será o escenario desta nova camiñada guiada e gratuíta que se desenvolverá o 6 de setembro
Infogauda / Pontevedra
A Deputación de Pontevedra abriu este venres o prazo de inscrición
para a quinta das rutas ornitolóxicas programadas dentro da terceira
edición da iniciativa "Voando nas Rías Baixas", organizada pola
institución provincial en colaboración con SEO Birdlife. Esta última
ruta permitirá ás persoas que asistan coñecer a riqueza ornitolóxica e
paisaxística da Serra do Suído, nos concellos da Lama, Fornelos e
Covelo. Ofértanse 15 prazas para a excursión guiada de carácter gratuíto
que terá lugar o próximo domingo 6 de setembro. A inscrición debe
facerse por vía electrónica na páxina web da Deputación (https://www.depo.gal/voando-nas-rias-baixas).
A Serra do Suído é un sistema montañoso con alto valor ecolóxico,
famoso pola presenza de exemplares de lobo ibérico e de aves rapaces. Os
seus espazos son ideais para que grandes aves rapaces, coma o voitre
leonado, a aguia calzada ou o miñato, os sobrevoen nos meses de
primavera e verán. Amais, sobre as pendentes de monte baixo tamén
poderán contemplar o voo da tartaña cincenta e a gatafornela. A Serra
caracterízase polos altiplanos nos que abunda o monte baixo de
queirogas, toxos e carqueixas. As partes baixas teñen fermosos vales e
cursos de auga que discorren entre bosques autóctonos ben conservados.
Esta é a derradeira das rutas programadas nesta edición de "Voando nas
Rías Baixas", que neste 2020 pasou pola Enseada de San Simón, o Complexo
Intermareal Umia-O Grove, o Esteiro do río Miño e as Brañas de Xestoso.
O programa está enmarcado no seo das propostas lanzadas ao abeiro do
Plan Estratéxico de Turismo para sensibilizar á poboación,
internacionalizar e desestacionalizar o destino provincia de Pontevedra.
Con el, a Deputación de Pontevedra aposta pola promoción do turismo
ornitolóxico, un turismo sostible e respectuoso co medio.
Estas
rutas están a realizarse seguindo protocolos de seguridade e hixiene
para facer fronte á pandemia da covid-19. Deste xeito, foi reducido o
aforo de 25 a 15 participantes e establécense normas que inclúen o
distanciamento interpersoal ou a limpeza e hixiene.
Ningún comentario:
Publicar un comentario