21 de ago. de 2020

PONTEVEDRA

Areeiro subliña o bo estado xeral das viñas antes da vendima, pero recomenda vixiar a Botrite  

O centro dependente da Deputación de Pontevedra lanzou un novo aviso no que advirte tamén sobre a necesidade de vixiar a psila africana nos cítricos 

 

Infogauda / Pontevedra

  A Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, vén de lanzar un novo aviso fitosanitario no que destaca o bo nivel fitosanitario das viñas en xeral na súa etapa de maduración, pero no que incide en que o recente cambio das condicións meteorolóxicas e as previsións para os vindeiros días poden xerar aínda algún problema nos acios.

 Neste senso, o aviso de Areeiro volve incidir na botrite e aínda que nas revisións desta semana constatou que había poucos acios afectados, destacou que apareceron en variedades temperás que agora teñen un grao de maduración superior a 11. Recomenda a vixilancia xa que, aínda que de cumprirse as previsións de tempo seco para os vindeiros días non deberían avanzar de xeito notorio os síntomas, poden seguir aparecendo se permanece en niveis altos a humidade.  Engade que nestes casos, en predios pequenos é unha boa medida de contención a retirada dos acios afectados e, para os de maiores dimensións e con elevado número de plantas de variedades máis susceptibles, o rexistro de produtos fitosanitarios do Ministerio de Agricultura recolle funxicidas con prazos de seguridade de 1 e 3 días (produtos de orixe natural), ou tamén de 14 días, que se poderían empregar nas viñas onde quede un período de tempo maior para a data estimada de inicio de vendima.

 O aviso fitosanitario refírese tamén a outras enfermidades da viña, como o mildio e sinala que as condicións meteorolóxicas dos últimos días, con choivas de sucesivas borrascas e temperaturas medias diarias entre 18 e 21 graos, son moi favorables a este patóxeno, de xeito que se atoparon manchas novas en follas tenras de todos os predios revisados, aínda que menos das esperadas pola climatoloxía. Coa situación actual e a previsión de certas precipitacións para mañá e  tempo seco e temperaturas mínimas por riba dos 13 graos espéranse máis síntomas novos,  cunha presencia que dependerá do estado das plantas e da situación de partida. Con todo, o persoal especialista de Areeiro considera que non será preciso aplicar un cobre antes da vendima, salvo casos moi excepcionais con elevada presenza de manchas e variedades máis tardías, onde se podería recorrer a algunha  das formulacións de hidróxido cúprico ou de oxicloruro de cobre que, segundo o rexistro de produtos fitosanitarios do Ministerio, teñen 14 e 15 días de prazo de seguridade, respectivamente.

 No que respecta ao oídio, Areeiro sinala que este foi o patóxeno máis detectado nas revisións desta semana, e apareceu nas follas novas de todos os predios, nas plantas testemuña sen tratamentos e nos rebuscos. Porén, destaca que tralas choivas haberá que comprobar se o micelio foi lavado ou se continúa avanzando a infección, en cuxo caso pode que sexa preciso reducir o nivel de inóculo para a campaña seguinte cun tratamento pre vendima por exemplo con xofre (válido para uns días antes da colleita) ou outros funxicidas de orixe natural, ou post vendima con funxicidas sistémicos.

 No que atinxe ás avelaíñas do acio, non se observaron novos síntomas da actividade das eirugas máis que no 5% das viñas e en todos os casos en niveis inferiores aos limiares de tratamento. E esta semana non se recolleron adultos do cicadelido Scaphoideus titanus, nin tampouco apareceron novos síntomas de trips nas viñas. No caso dos ácaros, os síntomas de erinose seguen a observarse nos gromos terminais dalgunhas viñas, pero non terán incidencia sobre a colleita.

 Amais, o aviso fitosanitario refírese tamén a incidencias noutras plantas e cultivos. No caso dos cítricos, sinala que tralas precipitacións recentes e as boas temperaturas que se esperan, aparecerán novos gromos que atraerán á psila africana (Trioza erytreae). Neste senso, o persoal especialista de Areeiro apunta que as medidas  tradicionais (retirada e destrución de gromos tenros) e os produtos autorizados precisamente para a psila (aceite de parafina 54,6% e deltametrin 1,5 e 2,5%, mollando moi ben envés) serven en realidade para o control de todos eles.

 Por último, no que respecta ao buxo, esta semana non se detectaron adultos da Cydalima perspectalis, pero si varias eirugas de diferentes estadios, en xeral sen producir síntomas especialmente notorios, aínda que ben é certo que tampouco a climatoloxía foi a máis favorable. Porén, recomenda unha maior vixilancia, polas previsións de volta tempo seco e cálido.

Ningún comentario:

Publicar un comentario