A Xunta celebrará o centenario do nacemento de Díaz Pardo cunha grande exposición no Gaiás, comisariada por dous dos seus fillos
‘As miradas de Isaac’ é primeira grande exposición sobre Díaz Pardo despois do seu pasamento en 2012
Infogauda / Santiago de Compostela
A Xunta de Galicia conmemorará o centenario do nacemento de Isaac Díaz Pardo (22 de agosto de 1920 - 5 de xaneiro de 2012) cunha grande exposición na Cidade da Cultura, composta por obras de arte, diversos obxectos persoais, fotografías, textos, murais, documentos e proxeccións. Poderá verse no Museo Gaiás, do 6 de novembro de 2020 ao 4 de abril de 2021, e estará comisariada por dous dos seus fillos, Xosé e Camilo Díaz Arias de Castro.
Precisamente, na véspera deste centenario, o director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, acompañado polos dous comisarios, foi o encargado de avanzar en rolda de prensa algúns aspectos desta mostra, que leva por título As miradas de Isaac, e cuxo peso da imaxe gráfica recae nun autorretrato inédito de Díaz Pardo de novo e que nunca se ten exposto. Apareceu recentemente (2019) nunha das carpetas de documentación que gardaba no seu arquivo persoal e ninguén da familia o coñecía. Debuxado a lapis, está datado en 1940.
Na súa intervención, Anxo M. Lorenzo lembrou que As miradas de Isaac é a primeira grande exposición sobre Díaz Pardo despois do seu pasamento e explicou que o obxectivo principal da mesma é achegarse á “desbordante personalidade” e ao “amplo e polifacético labor” deste intelectual, do que gabou a súa “visión integradora” e a “firme defensa dos valores máis auténticos de Galicia” aos que --segundo as súas palabras-- “se entregou sen descanso ao longo da súa fértil existencia”.
Nesta liña, avanzou que a mostra pretende lembrar un “personaxe irrepetible” que abordou múltiples disciplinas, tanto as relativas ao mundo da arte, como á do intelecto, ás técnicas ou ás industrias e incidiu no feito de que Díaz Pardo sacou adiante “importantes iniciativas” que acadaron un “salientable papel” no conxunto da cultura galega do século XX, entre as que destacou Edicións do Castro, a restauración da produción de Cerámica de Sargadelos, o Instituto Galego de Información ou o Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside, entre outras.
Con As miradas de Isaac tamén se procura expresar a excelencia humana de Díaz Pardo, “posiblemente un dos personaxe máis homenaxeados, admirados e queridos da historia recente de Galicia”, resumiu o director de Políticas Culturais da Xunta.
Dez seccións
Os dous comisarios da mostra explicaron que para amosar “o rico mundo heteroxéneo” de Díaz Pardo e conseguir así que o/a visitante capte a esencia do seu “complexo e amplo universo” creativo, a mostra distribuirase en dez seccións, repartidas por todo espazo do andar primeiro do Museo Centro Gaiás.
A través destas seccións analizaranse e divulgaranse a importancia do pai –Camilo Díaz Baliño– no desenvolvemento da súa personalidade; a infancia e mocidade compostelá; a faceta de pintor, que deixou unha profunda pegada en todas as súas realizacións; ou o seu contacto co exilio e o seu compromiso pola recuperación da memoria histórica.
De igual xeito, nelas amosarase o seu labor como escritor; os emprendementos empresariais, con Sargadelos como insignia das súas realizacións industriais; ou as iniciativas culturais e investigadoras, entre as que cabe destacar o Instituto Galego de Información ou o Seminario de Estudos Galegos.
A mostra tamén incidirá na súa faciana como deseñador industrial, que proxectou en máquinas, porcelanas ou mobles; no seu carácter de editor imparable en Ediciós do Castro; e no seu papel como recuperador –con Luis Seoane– da vangarda artística galega anterior á Guerra Civil, coa posta en marcha do Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside.
Ningún comentario:
Publicar un comentario