6 de ago. de 2020

O ROSAL

CONTINÚAN AS MOBILIZACIÓNS EN DEFENSA DA SANIDADE PÚBLICA NO ROSAL

A Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública do Rosal sostén que non cesarán ata que a Consellería de Sanidade atenda as reivindicacións 

A Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública do Rosal volveu concentrarse diante do centro de saúde do municipio para reivindicar melloras na asistencia sanitaria
Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal

 Por cuarto mércores consecutivo, a Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública do Rosal volveu concentrarse diante do centro de saúde do municipio para reivindicar melloras na asistencia sanitaria. Dende a organización declaran que non pararán de mobilizarse "ata que as súas reivindicacións sexan atendidas". Afirman que "a falta de cobertura das baixas por vacacións, que deixan ao municipio con dous médicos en lugar dos tres habituais, segue sen solucionarse malia estar en pleno mes de agosto, situación que se podería prolongar ata chegado o outono". 

 "Esta situación está provocando
que as consultas médicas teñan unha demora media de 15 días, o que está precarizando substancialmente a atención á cidadanía"
, afirman desde á Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública do Rosal. Dende a alcaldía din "estar pendentes da constitución do novo goberno galego co fin de solicitar novamente unha reunión co conselleiro de Sanidade para que dea unha solución a este problema".    

Un problema que vai máis alá do verán 

 Desde a devandita Plataforma afirman que "malia que o estado da atención sanitaria se viu agravado especialmente nestes meses coa redución de persoal por vacacións, a problemática no concello rosaleiro vai máis alá, ao ter unha das ratios de pacientes por médico máis altas entre os municipios da contorna, cunha cifra de máis de 1.500 pacientes por médico. Segundo as recomendacións para o cumprimento de ratios de organizacións como a OMS ou a Sociedade Española de Médicos de Atención Primaria (SEMERGEN), o Rosal debería ter, independentemente da situación actual, un médico, dous enfermeiros e unha matrona máis, alén de poder contar cun pediatra con dedicación completa en vez de tres días por semana como agora. 

 Esta situación agrávase se sumamos ás deficiencias de persoal os problemas e carencias das instalacións e dos equipamentos, algo que foi detalladamente explicado nun informe enviado á consellería de sanidade o mes pasado e do que aínda non se obtivo resposta".

Ningún comentario:

Publicar un comentario