O Concello do Rosal dá luz verde ao inicio das obras no aparcamento do núcleo urbano
· O acceso ao aparcamento estivo pechado nas últimas datas debido a problemas técnicos na súa formulación inicial
Infogauda / O Rosal
O Equipo de Goberno municipal do Concello do Rosal vén de facer público que "esta semana foi adxudicado o contrato para a urbanización do acceso ao aparcamento Xulio Sexto, situado no núcleo urbano do Rosal, estando previsto o inicio das mesmas para a próxima semana. Este aparcamento foi creado no pasado mandato para desconxestionar o volume de coches que habitualmente aparcan na Praza do Calvario. Debido a cuestión técnicas no acondicionamento inicial do aparcamento, pavimentado con saburra, este non cumpría os requisitos mínimos necesarios para o seu uso sen que iso xerase un prexuízo para a veciñanza residente nas inmediacións do acceso ao mesmo.
Fronte a esta situación e debido a ausencia dun proxecto previo que paliase a problemática, o Concello do Rosal elaborou un proxecto desde a área de urbanismo para corrixir estas deficiencias técnicas e permitir que poida ser empregado de xeito normalizado.A actuación consistirá na pavimentación dun acceso rodado e outro peonil, xunto coa execución das canalizacións de augas pluviais e as conducións eléctricas necesarias para dotar de iluminación ao proxecto".
O executivo rosaleiro que preside á alcaldesa Ánxela Fernández, indica tamén que "o citado proxecto foi enviado a comezos de ano para optar á ser financiado mediante o Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. Dada a situación de parón administrativo derivada da pandemia da Covid-19, a resolución favorable do orzamento por parte da administración provincial foi remitida ao concello en recentes datas por importe de 34.363,21 euros. Ademais, o proxecto conta coa autorización da sectorial de Estradas de Galicia polo que se poderá dar inicio ás obras do aparcamento.
Para o concello este acondicionamento é importante para dotar as inmediacións da Praza do Calvario de maior espazo para o estacionamento de vehículos".
Ningún comentario:
Publicar un comentario